O Museo de Pontevedra fai festa para celebrar o Premio da Cultura

museodepo
photo_camera Director e traballadores do Museo de Pontevedra -ademais de representantes políticos-, na gala de recollida dos Premios da Cultura Galega.

Baixo o epígrafe "Museo de Pontevedra. Pasado, Presente, Futuro", a Deputación organiza un acto para compartir coa cidadanía e cos traballadores e traballadoras do Museo o Premio da Cultura Galega concedido á institución museística no apartado de Patrimonio Cultural. O acto terá lugar o vindeiro sábado día 4 de febreiro ás 19 horas no Sexto Edificio, e será de balde,  previa recollida do correspondente convite. 

A primeira actuación corresponderá ao violinista Sergio Heredia, que interpretará pezas de  Manuel Quiroga, nunha clara referencia á historia e aos fondos do Museo. Tamén fará unha breve intervención a cantautora Alba María acompañada do músico Felipe Villar, que interpretará un tema de composición propia incluído no seu traballo "Aínda" e unha peza repentizada, isto é, unha performance literaria a través da improvisación oral. No eido da perfomance tamén terá presenza a poeta Tamara Andrés, que será a encargada de poñer sobre o escenario unha peza na que combinará poesía e audiovisual. E por último, a música tradicional combinada con danza contemporánea e con baile tradicional correrá a cargo de Davide Salvado que estará acompañado de Daniel Pardo e Rosi Leiro. 

Ademais do apartado artístico, o acto contará coas intervencións institucionais do propio deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, da presidenta da Deputación, Carmela Silva, do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e do director do Museo, Carlos Valle, que intervirá no nome de todo o equipo da institución museísitica. 
 

Comentarios