Ferrín reúne a súa poesía

Ao coidado do propio autor para Edicións Xerais
Xosé_Luís_Méndez_Ferrín_2020 2
photo_camera O escritor Xosé Luís Méndez Ferrín nunha imaxe recente tomada na Libraría Paz de Pontevedra. Foto: Ogalego.gal.

Entre Voce na néboa (1957) e Contra Maquieiro (2005), Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938) despregou a que talvez sexa aínda a poética máis influínte da literatura galega contemporánea. Non por acaso a historiografía literaria mantén que a lírica nacional virou en 1976 a partir, maiormente, dun libro seu: o célebre Con pólvora e magnolias, elexíaco e político, abrigo de poemas que figuran en antoloxías e na memoria sentimental de centos de lectoras. Todo este edificio, construído cun profundo coñecemento das tradicións literarias europeas, a idea sartreana de compromiso e unha investigación atenta da poesía galega, verá luz por primeira vez nun só volume da man de Edicións Xerais ao longo deste ano.

A poesía reunida de Méndez Ferrín estará ao coidado do propio autor. Segundo explica o director de Xerais, Fran Alonso, o poeta quere "fixar a lingua" dos seus textos. O particular idiolecto ferrinián, á marxe de normas académicas, ficará en páxina. "A pouco e pouco, de inferno en desespranza, / arribamos, dando bordadas, / ás illas treidoras do arquipélago das Salgari, / aquel lugar celeste / que só A. G. Pym vira cos ollos pechos, / invadidos de manglares e árbores do pan", escribe no saudoso Quai des Brumes, incluído no monumental Estirpe (1994).

O libro non recollerá obra inédita. O escritor, cuxa poesía vai aparecendo de década en década, é estrito, contido, á hora de dar materiais ao prelo. Despois de Con pólvora e magnolias apenas publicou Poesía enteira de Heriberto Bens (1980) -que xuntaba composicións dos vinte anos anteriores-, O fin dun canto (1982) e os mencionados Estirpe e a imprecación anticapitalista Contra Maquiero.

Non obstante, poemas inéditos de Ferrín si coñeceron edicións de arte, acompañamento plástico ou algunha publicación colectiva. Foi o caso de Erótica (1992), con debuxos de Francisco Leiro, ou de O outro (2002), co gravador Manuel Facal. En 2005 compilounos, canda o iniciático Voce na néboa, a crítica e profesora Iris Cochón en Era na selva de Esm. Esta escrita, menos lida pero non menos útil para comprender os propósitos e a evolución do autor, situada á marxe dos libros, figurará na poesía reunida.

Autopoética

"Eu son consciente de que estou escribindo unha obra nada máis en toda a miña vida", afirmou nunha das súas escasas incursións no subxénero da autopoética, publicada en 1992 no Boletín Galego de Literatura, "para min existe un único relato acompañado de poemas que se está producindo dende o inicio da miña carreira literaria e, cando escribo, estou en relación con tódolos meus textos anteriores e cos dos outros autores. Quere dicir isto que no meu relato están tamén outros relatos e outros poemas que non son meus". Nesa mesma intervención confesaba carecer de escritores e obras favoritas e que mesmo en "libros ruíns e obras sen importancia, literatura da peor" pode atorpar "elementos sorprendentes e mobilizadores".

Antes da inminente poesía reunida de Xerais, o traballo poético de Xosé Luís Méndez Ferrín coñeceu apenas unha edición por xunto, aínda incompleta e bilingüe en galego e castelán. Foi en 2011, da man da editorial catalá Calambur. Poesía fundamental (1976-2005) agrupaba cinco libros e o cartafol Erótica. Da tradución as notas encargáronse os poetas Manuel Outeiriño e Eloísa Otero e o limiar escribiuno outro poeta, un xigante da literatura en castelán, Antonio Gamoneda.

Comentarios