Este sábado en Compostela

Fermin Muguruza e a electrónica apocalíptica

A Fermin Muguruza non hai fronteira que se lle resista. Para atravesar a última, acompañouno o dúo catalán de “electrónica de combate” The Suicide of Western Culture. Este sábado 26 de maio, ás nove da noite na Sala Capitol de Compostela, expón as conclusións da travesía: o disco B-Map 1917+100.
 

Fermin Muguruza eta TSOWC_Color_09_FINAL_Alberto Polo
photo_camera Fermin Muguruza e The Suicide of Western Culture. Foto: Alberto Polo.

fermin muguruza & the suicide of western culture - b-map 1917+100

O último traballo de Muguruza (Irún, 1963) medrou á sombra do centenario da Revolución Rusa. E como o seu mítico debut en solitario, Brigadistak Sound System (1999), é nómade. Cada unha das dez cancións sucede en cidades cuxo topónimo comeza por b: Bilbao, Barcelona, Beirut, Bos Aires, Brazzaville, Belfast, Berlín, Bogotá, Belgrado e Baton Rouge. O pano de fondo, a electrónica sucia, apocalíptica, de The Suicide of Western Culture (TSWC).

“Son dez rueiros músico-político-emocionais a partir dos que Fermín Muguruza mapea o ruxido da indignación, a convulsión e a revolución no mundo actual”, sinala a promotora do concerto nunha nota remitida aos medios de comunicación. Para trasladar ao directo este manifesto musical de non sometemento, ao trío formado por Muguruza e TSWC súmanse o guitarrista Karlos Osinaga, coñecido polo seu labor nos demoledores Lisabö, e máis a proxección de vídeos que ilustran as composicións.

fermin muguruza - brigadistak sound system (1998)

“Este é o disco máis duro que fixen desde Ireki Ateak, con Dut, hai 20 anos”, explicábase Fermin Muguruza á revista Rockdelux hai uns meses, “ten un son moi besta, moi industrial, mesmo difícil para determinado público que me segue. Mais sempre me apeteceu adentrarme por aí”. E engadía un pouco máis adiante toda unha declaración de intencións con referencia ás súas míticas bandas Kortatu e Negu Gorriak: “É un El estado de las cosas [de Kortatu, 1986] ou un Gure Jarrera [de Negu Gorriak, 1991] de 2017”.

A Muguruza precederano no escenario da Capitol -unha das oito actuacións que ofrecera con este proxecto- os coruñeses Ezetaerre, hip hop combativo en galego. As entradas están á venda na Reixa Tenda en Compostela ou vía www.ticketmaster.es e www. redtkt.com.

Itinerario global en solitario

fermin muguruza euskal herria jamaika clash
Antes de B-Map 1917+100, o Muguruza viaxeiro para en Nova Orleans, onde levou parte do seu repertorio histórico a sonoridades de brass band e second line. Rexistrou a experiencia en Nola? (2015). A operación resultaba dalgún xeito análoga á que practicara en 2006 con Euskal Herria Jamaika Clash, a súa aproximación ao mundo musical xamaicano, tan determinante na súa educación sentimental e artística.

O sólido Ashmatic Lion Sound Systema (2008) foi un chanzo intermedio, talvez o disco con menor repercusión dunha traxectoria en solitario en que figuran tamén FM 99.00 Dub Manifest (2000), In-komunikazioa (2002) e numerosas pezas de remestura electrónica.

Comentarios