CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'Os fenómenos', a grande estrea desta fin de semana

Andrés Castro asina unha nova crítica co gallo da estrea de Os fenómenos, o novo filme de Alfonso Zarauza. Despois do grande suceso de A Esmorga, unha nova baza para o cinema galego.

Os fenómenos

OS FENÓMENOS 
Ano
: 2014
Duración: 103 min.
Nacionalidade: Galiza
Director: Alfonso Zarauza
Guión: Jaione Camborda e Alfonso Zarauza
Fotografía: Alberto Díaz ‘Bertitxi’
Música: Piti Sanz
Elenco: Lola Dueñas, Luís Tosar, Juan Carlos Vellido, Miguel de Lira, Ledicia Sola, Xosé Antonio Touriñán, Antonio Durán ‘Morris’, Federico Pérez Rey, Marcos Javier Fernández Eimil, Farruco Castromán, Xúlio Abonjo, Alfonso Agra, Gonzalo Uriarte 

SINOPSE
Neneta (Lola Dueñas) vive sen responsabilidades e sen plans nun trailer na costa de Almería. Cando o seu compañeiro Lobo (Luís Tosar), desaparece sen explicacións, ela decide volver para a súa terra natal, Galiza. Neneta ten grandes dificultades en achar un emprego, até que consegue un como operaria de construción.

CRÍTICA

O cinema feito en Galiza segue de parabéns. Vexamos: 

1. A impresionante, e histórica, estrea de A Esmorga de Ignacio Vilar, a mellor do ano de todas as películas con menos de 100 copias 

2. O éxito alá por onde vai de As Altas Presións de Ángel Santos, unha das películas de vangarda do Novo Cinema Galego triunfando por cada Festival que pasa 

3.  A recente edición do Culturgal onde, aparte de ser o encontro de toda a cultura galega en todos os ámbitos, puidemos ver Encallados, outro dos traballos de Alfonso Zarauza, o documental de Lois Patiño Costa da Morte e traballos de xente que vén pisando forte dentro do panorama audiovisual galego como o documental Por que non cantades todas de Diana Toucedo ou as diferentes webseries feitas aquí 

4. Coincidindo cos 25 anos da estrea de Sempre Xonxa, Urxa e Continental, que se conmemora nunha exposición no Gaiás que, á marxe das filias e fobias que pode producir o sitio, fai una excelente retrospectiva sobre todo o cinema feito en Galiza… pois ben, sumemos a este contexto a estrea de Os Fenómenos, a segunda longametraxe de Alfonso Zarauza tras A noite que deixou de chover en 2008, na que tamén aparecían Luís Tosar e Miguel de Lira. Tamén repite na música Piti Sanz que, xunto con Anxo Graña, constrúe unha banda sonora chea de detalles evocativos que non vou desvelar. Para gozar de principio a fin. De feito, se quedan até os créditos finais (sempre recomendo facelo) pódese escoitar cantar a Tosar debido, loxicamente, a relación musical que mantén con Piti Sanz no grupo Di Elas. 

Os Fenómenos é un canto á xente corrente e traballadora que, coma moitos de nós, non sabía de burbullas, de primas de risco, nin de poderes capitalistas

Os Fenómenos fai alusión a unha cuadrilla de obra, formada por homes rudos e curtidos, á que se une Neneta (Lola Dueñas) unha muller que volve á terriña cun fillo recén nacido após de moitos anos emigrada vivindo nunha furgoneta xunto coa súa parella Lobo (Luís Tosar). Ao deixala este abandonada, Neneta terá que traballar, si o si, para o sustento do seu fillo, así que pide traballo coma peón de obra. A trama sitúase na época de bonanza previa á crise e do estoupido da burbulla inmobiliaria, así que admiten a Neneta case sen chistar. 

O evidente receo inicial por meterse nun traballo ‘propio de homes’ dilúese cando ven que traballa como calquera e pronto pasa a ser ‘un’ máis da cuadrilla. Os Fenómenos é un canto á xente corrente e traballadora que, coma moitos de nós, non sabía de burbullas, de primas de risco, nin de poderes capitalistas, que se viu atrapada pola corrente do momento nunha situación que non pasará se non se produce outro estoupido maior que arranxe o desastre. Sen deixar estes apuntamentos de lado, a película non se decanta só pola denuncia ante o evidente, nin tampouco se limita a narrar o drama ou afondar no amargor da crise. Iso xa o sabemos.

Sobresae un Xosé Antonio Touriñán no rol dun mozo que preferiu deixar os estudos pola paleta e o casco de obra

ELENCO IMPRESIONANTE

O guión de Jaione Camborda e Alfonso Zarauza prefire sazonar o conto con historias reais, retranca e bo humor. Con iso acadan que a mensaxe calle mesmo máis fondo que se optaran polo dramón-denuncia. Impresionante todo o elenco, sen excepción. Con todo, destaca Lola Dueñas, que volve a tirar da ‘galeguidade’ que xa demostrara en Mar Adentro, para meterse na pel dunha muller forte á par que vulnerable, que ten as cousas claras pero ao mesmo tempo déixase levar. 

Unha desas personaxes que comunican máis polo que calan que polo que din. Con respecto aos ‘fenómenos’, sobresae un Xosé Antonio Touriñán no rol dun mozo que preferiu deixar os estudos pola paleta e o casco de obra. Un alivio cómico con diálogos brillantes pero tamén cuns matices e capas que dan á personaxe unha profundidade dramática que dará moito que falar. Non menos destacable son a ambientación, vestiario, fotografía ou dirección… Enxérganse uns cantos premios á vista. 

Si, o cinema feito en Galiza está de parabéns. Continúa paseniño, pero sen pausa, pisando firme para que un día a estrea dunha película feita en Galiza non sexa noticia polo feito de seren unha rareza, senón noticia por seren algo normal dentro do panorama audiovisual internacional. A 25 anos do ‘inicio’ do cinema galego semella ser este o ano da consolidación. E o que vén o empurrón definitivo, porque os Goya falarán galego… Fixo.

Comentarios