CULTURA

Félix Longueira: “Se unha escena de baile e música aparece nun tímpano sería porque non se atopaba nada de pecaminoso nela”

San Miguel do Monte

Félix Longueira: “Se unha escena de baile e música aparece nun tímpano sería porque non se atopaba nada de pecaminoso nela”

Félix Longueira é licenciado en Historia da Arte e na actualidade profesor de Xeografía e Historia no IES Otero Pedraio da Coruña. É o autor, conxuntamente con Xosé Antón García, dos fascículos catro e oito, correspondentes ás igrexas de San Miguel do Monte (Chantada) e Santa María de Taboada dos Freires (Taboada) do coleccionábel Tímpanos Medievais da Galiza.  

Félix Longueira
photo_camera Félix Longueira

Que é o que fai única esta igrexa de San Miguel do Monte fronte a outras do románico rural? 

O seu tímpano, sen dúbida. Aparecen nel tres figuras que tocan instrumentos e bailan. É seguro que unha das figuras é unha muller, quizais unha soldadeira. A presenza desta figura nun espazo tan relevante da igrexa como é o tímpano resulta moi interesante desde o punto de vista da valoración social das mulleres nesta época. 

Pero é que ademais, deixando á parte os anciáns do Pórtico da Gloria ou do Pórtico do Paraíso, non son tantas as escenas musicais no románico galego. Fronte a estas, que están nun contexto digamos máis formal, mais sometidas a un conxunto moito máis amplo, en San Miguel do Monte trátase dunha representación máis espontánea, sen ningunha etiqueta, por dicilo dalgunha maneira. Os anciáns están case todos tesos coma paus, mentres que, cada vez que penso na maneira en que se dobra a soldadeira de San Miguel do Monte, pónseme o lombo como se viñera de apañar nas patacas. (Risas)  

No románico rural raramente coñecemos a autoría das obras. Quen é este Pelagius Magister, suposto autor de San Miguel do Monte e que asina o de Santa María de Taboada dos Freires?  

Se seguimos a inscrición que figura no tímpano de Taboada dos Freires debemos supoñer que Pelagius Magister (o mestre Paio, se o traducimos ao galego) é o artista que realiza o tímpano de Taboada dos Freires. Tamén é verdade que facemos esta suposición porque estamos acostumados a que quen asina a obra sexa quen a realiza.

A profesora Rocío Sánchez Ameijeiras apunta que, se cadra, tamén podería tratarse do mestre da orde militar que encarga a obra. Tendo en conta outros exemplos do século XII, non é algo que se poida descartar. 

“A presenza desta figura nun espazo tan relevante da igrexa como é o tímpano resulta moi interesante desde o punto de vista da valoración social das mulleres nesta época” 

En calquera caso, se asumimos a posición de Ben-Cho-Sey de que o mesmo Paio é o artista dos tímpanos de San Miguel do Monte ou Santa María de Ucelle, está claro que se trata dun artista rudo, pero de grande forza expresiva. 

Por que afirma que "fai arte para a devoción popular"? 

A simplificación dos trazos do corpo ou a maneira en que se dobran os membros das figuras está tamén noS cruceiros ou en moitas imaxes esculpidas para os retablos que se colocaron nas igrexas galegas ao longo dos séculos XVIII e XIX. Estas imaxes, antes que a imitaren a realidade, debían atender á devoción e ao respecto que se outorgaba ás imaxes sagradas, unha función que cumpren de sobra. 

Voste di que neste tímpano se santifica o profano. Como é iso? 

Na opinión de Serafín Moralejo, que é o oráculo do románico galego, o personaxe de maior tamaño do tímpano de San Miguel do Monte é o rei David. Como explico na miña peza sobre o tímpano, esa identificación, para min, é clara. 

Con todo, para compoñer a escena, máis que na Biblia, o artista inspírase nunha actuación de xograres, de músicos de rúa. Esta mestura do ámbito sagrado e do profano dálle moito vigor á escena. Ao tempo, debemos entender que se unha escena de baile e música aparece nun tímpano sería porque non se atopaba nada de pecaminoso nela, senón todo o contrario. Esta interacción entre o sagrado e o profano está presente en moitas obras románicas e resulta decisiva para poder interpretalas. 

“Esta interacción entre o sagrado e o profano está presente en moitas obras románicas e resulta decisiva para poder interpretalas”

Na próxima semana publícase o fascículo de Santa María de Taboada dos Freires. Aí o mesmo Pelagius cicela unha escena ben diferente. Vostede cualifícao como "un home do medievo con vontade de perdurar". Pode aclarar máis isto? 

Podo, si, non hei poder... Como xa dixen antes, a autoría da obra está lonxe de estar clara, pero resulta a interpretación máis lóxica da inscrición. Con todo, é un feito extraordinario que no Románico se asine unha obra: nin sequera o Mestre Mateo se atreveu a tanto. En Italia, na Borgoña ou no norte de Franza, onde os artistas debían ter unha elevada consideración social, son contados os nomes de artistas do XII e do XIII que coñecemos. Hai que lembrar que até o século XV non se empeza a facer habitual que se asinen as obras. Dificilmente saberemos algunha vez quen eran o Paio e o Xoán que aparecen no tímpano de Taboada e que raio os levou a meter alí os seus nomes: desde logo a explicación máis lóxica é a de que estivesen orgullosos da obra e quixesen chufar dela. 

comentarios