Fasero inicia a guerra pública contra Reixa

A través do seu blog, o ex delegado da Sgae e ex-director de Agadic, Xoán Carlos Fasero abre a guerra contra o presidente da SGAE, Antón Reixa, un mes despois de ser destituído do seu cargo.  Confésase “vítima” a acusa a Reixa de mentir e se ter aproveitado da SGAE. Ao seu ver, Reixa é o que tería que estar fora da presidencia da entidade.  

Xoan Carlos Fasero
photo_camera Xoan Carlos Fasero

A través dun longo texto, Xoán Carlos Fasero quere deixar claro o proceso que levou ao seu despedimento como delegado da zona noroeste da SGAE e acusa ao presidente Antón Reixa de ocultar información e se beneficiar da propia entidade. 

Xoán Carlos Fasero xustifica o seu proceder na subvención concedida ao musical producido por Antón Reixa desde a AGADIC -Axencia Galega de Industrias Culturais- pouco antes de abandonar o cargo de máximo responsábel para se poñer a fronte do centro da SGAE na chamada zona noroeste. “Non inflúe na mesa que o espectáculo en cuestión teña sido ou non un fracaso, senón que a empresa facturara o que dixo que ía facturar” explica, para confirmar o carácter “lícito” dunha convocatoria na que, segundo di, o director de Agadic non intervén. 

O clan galego de Reixa 

Segundo Fasero, a subvención é a “gota que colma o vaso” na xestión de Reixa  diante da SGAE, “posta en dúbida en numerosas ocasións, debido ao seu enfrontamento coas televisións, a caída na recadación ou a aparición dun novo clan, que substitúe ao canario, e que agora se chama clan galego. Clan, por certo, ao que non pertenzo, dado o carácter do meu despido” anota. 

Para o ex delegado da SGAE no noroeste, a subvención concedida por Agadic é siplemente o “detonante” polo que a xunta directiva pide explicacións a un Reixa que “bota balóns fóra” a través dunha moción de confianza que remata co despido do propio Fasero que se considera “unha vítima”· “É difícil explicar que se referende ao presidente e se despida ao delegado” anota. 

Confesa Fasero que a SGAE chamara por el desde 2010, desvinculándoo así da subvención concedida a Reixa e el só aceptara se agardaban a que rematase a lexislatura. Nese tempo, Fasero asumira o posto máximo da Axencia Galega de Industrias Culturais a proposta do PP, partido do que con anterioridade fora concelleiro. Deixa así o posto como director da Agadic tan só caro días despois de se celebraren as eleccións ao parlamento galego. 
Fasero sinala que o posto que ocupaba era público e que todo o mundo coñecía as súas competencias, entre elas a xestión das subvencións que a axencia concedía. “O actual presidente da SGAE (e administrador único de Filmanova Invest cando se solicitou a subvención. En data de 24 de xullo de 2012) di que non sabía iso” afirma indicando que na súa carta de despido o acusan “de ter ocultado a información de que sendo eu director de Agadic, déralle unha axuda á empresa do presidente da SGAE”. 

Reixa non sabía nada

“Exactamente pon que o presidente non intervén na selección do director de SGAE Noroeste. É dicir que cando me propoñen, parece ser que non sabe quen son” sinala, con certa ironía. Lamenta polo tanto Fasero que despois de ter sido reclamado durante tres anos o despidan en 6 meses o que, ao seu ver, xéralle “danos morais e prexuizos” ao non poder traballar en dous anos con empresas que tiveran expedientes en curso. 

Líbrase da acusación de tráfico de influencias e pon a pelota no tellado de Reixa xa que o presidente da SGAE presentou o 24 de xullo a solicitude de subvención para o musical e soubo o 22 de outubro a concesión, tres días antes de que Fasero abandonase Agadic e apenas oito de que se incorporase á Sgae. Segundo Fasero, fora seleccionado o 13 de setembro, cando aínda non coñecía a resolución do expediente da convocatoria á que concorría a empresa de Reixa. Sen embargo, Reixa si sabía que estaba pendente da concesión de axudas da Agadic, di Fasero. 

“Si a subvención é legal, Reixa debería deixar a presidencia de SGAE por ocultar a información que para o Consello de Dirección era relevante e despois por mentir defendendo a súa cabeza a cambio de sacrificar a dos outros” conclúe non sen acusar a Reixa de aumentar os poderes do presidente ou contratar e “pagar un diñeiral” a unha empresa amiga para xestionar os edificios de Arteria. 

Fasero non se refire ao tema no seu blogue mais iniciou xa accións xudiciais contra o seu despedimento. 

Comentarios