Familia e amizades homenaxean Moncho Díaz no seu cabodano

O membro fundador de Fuxan os Ventos morreu hai xa un ano.
O acto contou coa presenza de amizades, familia e grandes nomes do mundo da cultura. (Foto: Noa Díaz).
photo_camera O acto contou coa presenza de amizades, familia e grandes nomes do mundo da cultura. (Foto: Noa Díaz).

O 18 de febreiro de 2023 falecía, aos 69 anos de idade, o histórico Moncho Díaz.

Membro fundador de Fuxan os Ventos, esta sábado amizades e familia reuníronse para lembralo na súa vila natal, Monforte de Lemos, co gallo do cabodano do seu pasamento.

O acto, no histórico local da Sociedad La Fraternal, que foi o espazo escollido para homenaxear o coñecido integrante da formación musical, contou asemade cunha grande representación de persoas da cultura que quixeron volver lembrar unha persoa fundamental na música galega.

O grupo

A orixe de Fuxan o ventos está no III Festival das San Lucas de Mondoñedo (1972). O grupo de música gañou a cita, obtivo o galardón de 50.000 pesetas e mudou o nome, pois ao certame foron como ‘Folk 72’, pero saíron como Fuxan os Ventos, título da canción triunfadora. Desde os seus comezos pasaron pola formación preto de 30 músicos.

En 1976 gravan o seu primeiro disco, Fuxan Os Ventos, logo seguen con Tequeleteque (1977), Galicia canta o neno (1978), Sementeira (1978), Quen soubera cantar (1981), Noutrora (1984), Sempre e mais despois (1999), Na memoria dos tempos (2002), Terra de soños (2009).

O grupo, que detivo a súa primeira etapa nos oitenta, regresou aos escenarios en 2008. Na actualidade integran a banda Antón Castro, na zanfona, mandolina e voz; Xosé Vázquez, percusión tradicional e voz; Pedro Lucas, gaita, frautas e voz; Xoán L. Fuertes Saavedra, buzuki, guitarra, violín e voz; Carmen Vázquez, voz; Tereixa Novo, voz; Maruxa Fociños, voz; Alfonso Fernández, voz, e até o seu pasamento, o falecido Moncho Díaz, voz, guitarra e frautas.

Comentarios