OBITUARIO | Falece Moncho Díaz, membro histórico de Fuxan os Ventos

Segundo puido coñecer Nós Diario, o estado de saúde do músico empeorou ao longo desta semana até desencadear no seu falecemento esta sexta feira.
Moncho Díaz (Foto: Xabier Díaz).
photo_camera Moncho Díaz (Foto: Xabier Díaz).

Un dos membros fundadores do mítico grupo Fuxan os Ventos, Ramón Díaz, máis coñecido como Moncho Díaz ou Moncho Fuxan faleceu na tarde desta sexta feira.

Díaz levaba levaba loitando contra enfermidades durante os últimos tempos.

Segundo puido coñecer Nós Diario, o seu estado de saúde empeorou ao longo desta semana até desencadear no seu falecemento esta sexta feira.

Desde a familia de Moncho Díaz indican que o corpo estará no novo tanatorio de Boisaca, Sala Praterías (Compostela), hoxe pola tarde e maña pola maña [por esta sexta feira e sábado].

"Nuns días quedaremos pra lembralo facendo as tres cousas que máis amaba: tomar un viño (tinto, por suposto), comer empanada de Monforte e botar unhas cantareas. Ainda que coma el xa non volve cantar ninguén", sinalan desde a familia.

O grupo

A orixe de Fuxan o ventos está no III Festival das San Lucas de Mondoñedo (1972). O grupo de música gañou a cita, obtivo o galardón de 50.000 pesetas e mudou o nome, pois ao certame foron como ‘Folk 72’, pero saíron como Fuxan os Ventos, título da canción trunfadora. Desde os seus comezos pasaron pola formación preto de 30 músicos.

En 1976 gravan o seu primeiro disco, Fuxan Os Ventos, logo seguen con Tequeleteque (1977), Galicia canta o neno (1978), Sementeira (1978), Quen soubera cantar (1981), Noutrora (1984), Sempre e mais despois (1999), Na memoria dos tempos (2002), Terra de soños (2009).

O grupo, que detivo a súa primeira etapa nos oitenta, regresou aos escenarios en 2008. Na actualidade integran a banda Antón Castro, na zanfona, mandolina e voz; Xosé Vázquez, percusión tradicional e voz; Pedro Lucas, gaita, frautas e voz; Xoán L. Fuertes Saavedra, buzuki, guitarra, violín e voz; Carmen Vázquez, voz; Tereixa Novo, voz; Maruxa Fociños, voz; Alfonso Fernández, voz, e até esta sexta feira, o falecido Moncho Díaz, voz, guitarra e frautas.

Comentarios