A Deputación da Coruña celebra cunha gala os seus premios culturais

O presidente da Deputación salientou “a importancia estratéxica que ten a cultura” e o deputado de Cultura puxo en valor o traballo que se realiza desde a institución provicial para apoiar de xeito “sólido e estable” a creación artística.
Autoridades coas persoas premiadas (Foto: Deputación da Coruña).
photo_camera Autoridades coas persoas premiadas (Foto: Deputación da Coruña).

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado de Cultura, Xurxo Couto, acompañados por parte da Corporación, encabezaron onte á tarde a Gala de Premios Culturais na que se homenaxeou as 12 persoas e entidades premiadas nas convocatorias do exercicio 2022. 

Así, subiron ao escenario do Teatro Colón a poeta Yolanda Castaño, os escritores Lois Pérez e Amador Castro, o grupo Mallou, as artesás Carmen Riveiro e Verónica Moar, a artista gráfica Myriam Gesalaga, os debuxantes e guionistas de banda deseñada Siqi Luis Yang, Uxía Larrosa e Francisco Pérez Villanueva, o fotógrafo Brais Lorenzo, e as representantes da Comisión de Igualdade do CEIP Barouta de Ames, así como da Federación de Redeiras Artesás O Peirao.  

O presidente Valentín González Formoso felicitou todas as gañadoras e gañadores e destacou "a importancia estratéxica que ten a industria cultural galega, un sector fundamental para o desenvolvemento social e económico da Galiza e para a proxección exterior do noso país", lembrando que do sector cultural dependen máis de 30.000 empregos e que representa arredor do 2% do Produto Interior Bruto (PIB) galego. 

 Pola súa parte, Xurxo Couto salientou o traballo que se realiza desde a institución para apoiar de maneira "sólida e estábel" a creación artística. Un apoio que, ademais das convocatorias de premios, vén incrementándose con novas iniciativas como as Residencias Artísticas no Pazo de Mariñán (Bergondo). "É unha liña de traballo prioritaria que, no relativo á creación, implica máis dun cento de persoas remuneradas porque sempre defendemos que todos os elos do sistema cultural deber ser tratados profesionalmente". 

 

Un modelo cultural propio 

O deputado de Cultura aproveitou para defender "un modelo cultural propio" baseado en eixos como a lingua, a capacidade de transformación social da cultura e o traballo desde o local cara ao universal, abranguendo todo o territorio e sempre da man dos concellos, entidades e artistas e creadoras. Por último, insistiu en manifestar o "orgullo de termos unha cultura propia que nos diferencia como pobo" e salientou "o talento e na potencia do noso sector cultural, e nomeadamente nos creadores e creadoras deste país". 

 A gala estivo presentada pola xornalista Marga Pazos, e contou coas actuacións da contadora Carmen Conde e coa música de Antía Muíño. Todas as persoas premiadas recibiron unha escultura creada ad hoc pola artista Soledad Penalta.

Comentarios