Contracultura

Antía Muíño: "A xente conecta coas revisións da música tradicional porque as recoñecen e emocionan"

Antía Muíño, cantautora, vén de publicar 'Carta aberta', o seu primeiro disco onde combina ritmos tradicionais e pop con evocacións de jazz e bossanova. Muíño aborda o lanzamento do proxecto, algúns dos temas máis escoitados e a planificación da xira que terá lugar o próximo ano xa que, como ela di, “é importante levar a nosa música a cantos máis sitios mellor”. 
A cantautora Antía Muíño recibiu o Premio Martín Códax a Mellor Artista Emerxente (Foto: Andrea Sánchez).
photo_camera A cantautora Antía Muíño recibiu o Premio Martín Códax a Mellor Artista Emerxente (Foto: Andrea Sánchez).

Cales son as sensacións tras publicar Carta aberta?

Estou moi contenta ao tempo que aliviada. Foi un traballo longo, de case todo o ano, e sendo a primeira vez que me enfronto a isto tiña moitos nervios. Hai moitas cousas máis do estritamente musical e levar todo iso até o final é moi emocionante. Quería transmitir a miña visión da música e a miña realidade, penso que o disco é unha presentación total de quen son eu, de que é o que fago e de como me sinto a nivel musical. Quería que este disco soase ao que levamos facendo nos directos nestes dous anos desde que comecei o proxecto, que tivera esta esencia de naturalidade, de espontaneidade.

Tamén é certo que xa mo pedían, poder escoitar algunhas das cancións na casa, e iso tamén dá ánimos e é un pulo, saber que hai unha boa resposta nos directos e cada vez que publicamos un sinxelo. Isto é algo que me dá moita alegría e, non sei se é algo habitual, mais é certo que tiven sorte porque case desde os inicios, desde que saquei o primeiro tema, tiven moi boa acollida e puidemos tocar en sitios moi interesantes.
Por suposto, o Premio Martín Códax a Mellor Artista Emerxente tamén foi unha honra, así como un aliciente máis para sentirme querida e arroupada. 

Mesturando estilos tan diferentes, que canción destacaría de todo o disco?

Diría que cada unha ten o seu estado de ánimo ou ambientación particular, aínda que todas manteñen esa esencia que comentaba do acústico, do son limpo e natural, cada unha delas bebe dun estilo diferente. 

Como varias delas xa saíran en forma de sinxelos xa tiveron boa recepción; hai persoas que me din que non son quen de escoitar Noviembre sen chorar porque lles toca a fibra e emociona moito, mais tamén hai outras persoas que conectan máis con Canta, miña compañeira, que é unha revisión dunha música tradicional. Non sabería escoller unha, mais nestes momentos unha que me gusta especialmente é Terra, que ademais tamén está tendo unha boa acollida nas plataformas dixitais. É unha canción que musiquei adaptando o poema de Manuel María e ten un toque máis jazz e pop. 

Tamén é certo que eu noto que a xente conecta moito coas revisións da música tradicional. Nos directos, cando collo a pandeireta ou cando tocamos Herba de namorar, Alalá de Muxía ou mesmo Canta, miña compañeira, a xente vénse arriba. Son temas que recoñecen e que fan que as persoas se sintan moi implicadas emocionalmente. 

Ten algún novo obxectivo para o futuro?

Nestes momentos queremos seguir traballando, centrarnos neste disco e armar a xira. Aínda non están delimitadas as datas, seguramente comezaremos en febreiro, mais queremos facer un bo percorrido por Galiza e despois seguramente por Euskadi, Madrid, Barcelona e xa veremos por onde máis. Penso que é importante levar a nosa música a cantos máis sitios mellor e eu xa teño tocado en varios puntos da península: Donosti, Madrid, Valladolid, Braga... 

É certo que os grandes nomes da nosa música sempre saíron, mais quizais agora tamén hai interese en grupos máis pequenos, ligados á vangarda. En xeral, tamén noto un aumento do interese polo propio en diferentes rexións do Estado español, porque nós aquí xa o tiñamos, mais agora tamén se está recuperando por exemplo o foclore murciano con grupos de aí, ou da zona de Estremadura.

Cando se recupera ese interese polo propio en moitas rexións iso acábase reflectindo dalgunha maneira no resto. Tamén estou traballando nun novo disco. Teño temas novos aos que lles estou dando voltas para saber por onde quero tirar. Ao final, o mundo da música é un campo no que nunca deixas de aprender, de experimentar, de escoitar cousas novas que che fan medrar.  

Comentarios