Dez proxectos de divulgación feminista da memoria local, premiados co Luísa Villalta

A música, o teatro ou o audiovisual, eixo das propostas galardoadas por este certame que convoca a Deputación da Coruña.
Reunión do xurado que resolveu o IV Premio Luísa Villalta. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Reunión do xurado que resolveu o IV Premio Luísa Villalta. (Foto: Nós Diario)

A cuarta edición do Premio Luísa Villalta, convocado polas áreas de Cultura e Igualdade da Deputación da Coruña, xa ten gañadoras após coñecerse esta sexta feira a resolución do xurado. A deputada provincial de Igualdade e Normalización Lingüística, María Muíño, presidiu un tribunal  composto por Raquel González Ferrón, licenciada en Pedagoxía pola USC; Eva Mejuto Rial, doutora en Xornalismo pola USC, e Eva Ovenza Pereira, técnica de Igualdade da Deputación. Actuou como secretaria Mercedes Fernández-Albalat Ruiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultura e Deportes.

Os proxectos seleccionados, que recibirán axudas de entre 3.700 e 12.500 euros. O primeiro deles, Donas da súa vida, de Nuria Prieto González, busca difundir cunha perspectiva feminista a memoria local con "vocación lúdica e pedagóxica orientada a calquera institución ou particular que traballe con idades temperás. Para os centros de educación primaria propón unha ruta acompañada dun caderno de apoio no que, a través de diversas actividades a xeito de adiviñas se traballaban puntos clave da ruta", precisan desde a organización.

Que din as rumorosas, presentado por María Helga Méndez García, é un proxecto colectivo con fases de investigación, elaboración e improvisación para artellar unha "comedia coral sobre como ser artista e muller", namentres María Barbeito: innovación e resistencia, de Artefeito Producións-Sociedade Cooperativa Galega, é unha proposta teatral que consiste na representación en institutos desa peza teatral na que se basea e nunha guía didáctica.

Pola súa parte, Laura Romero Pereira pretende converter Unha música no insti nun proxecto artístico presencial e virtual pensado para xente moza que consiste na creación de diferentes murais de pequeno tamaño espallados en diferentes centros de ensino.

As voces das mulleres, de Aantena SC, é un proxecto teatral comunitario que pon en valor o traballo e contribución das mulleres, "en especial do rural", e o seu empoderamento como "motor social", ao tempo que o Proxecto Villamiseria, de María Victoria Teijeiro Álvarez, pon o foco na investigación escénica e escritura dun texto dramático que reflexiona arredor da violencia contra as mulleres no franquismo.

Continuando co teatro, o espectáculo multidisciplinar A nai, de Carmen García Facorro, explora as fazañas das irmás Lola, Julia e Amparo Touza, salvadoras dunhas 500 persoas durante o Holocausto, e o proxecto Flores de Ferro 2.0, de Melandrainas Creativa Soc. Coop. Galega, afonda na memoria das mulleres "dun modo inclusivo, cooperativo e interxeracional".

Aliás, en Cara ao exilio, Gloria Rodríguez (La Nuestra Comunicación Publicitaria SL) lembrará as mulleres exiliadas en México após o golpe de Estado. E Gemma María Pardo Faraldo, finalmente, propón unha serie de charlas divulgativas, didáctico musicais e interactivas a través de En clave de muller.

Comentarios