Obituario

Faleceu Xesús Mato, sacerdote, musicólogo e cofundador de Fuxan os Ventos

Mato finou aos 91 anos de idade.

Medallas Castelao
photo_camera Xesús Mato no acto no que se lle entregou a Medalla Castelao (Foto: Xunta da Galiza)

“Hoxe a música galega está de loito. A de onte, a de hoxe e a de mañá”. Así expresaba nas redes sociais Xosé Luís Rivas ‘Mini’, a súa consternación polo falecemento de Xesús Mato, un nome descoñecido para a maioría mais de grande importancia para a música galega. Sacerdote e musicólogo, foi cofundador de Fuxan os Ventos.

Mato faleceu aos 91 anos de idade. Foi Medalla Castelao, en recoñecemento ao seu prolífico labor. Até 258 entidades e asociacións solicitaran á Xunta da Galiza ese recoñecemento para Mato, desde Galaxia e o Consello da Cultura Galega até a Deputación de Lugo ou o Concello de Paradela, onde foi declarado Fillo predilecto.

“Durante un cuarto de século atendeu parroquias da montaña lucense, onde recibiu unha homenaxe multitudinaria dos seus feligreses. Lucense do Ano, homenaxeado pola Cruz Vermella de Sarria e galardoado cos Premios María Castaña e Moncho Valcárce, o Orfeón Lucense impúxolle a insignia de ouro e o seu concello natal, Paradela, nomeouno Fillo Predilecto. Obtivo a primeira Medalla Castelao concedida por petición popular, co apoio de máis de dúas mil cincocentas persoas e institucións. Máis dun cento de amigos participaron en cadanseu libro homenaxe cando fixo os 75 e os 90 anos de idade”, escribe Xulio Xiz, coautor do  libro Xesús Mato, 90 anos… e 50 do seu Fuxan os ventos.

Xosé Luís Rivas, que fora un dos membros fundadores de Fuxan os Ventos e da Quenlla, lembra en conversa con Nós Diario a Xesús Mato como “un home que non paraba quieto, un férvelle-férvelle”. Afirma que Mato foi o “culpábel de que existise Fuxan os Ventos, absolutamente” e pon en valor que “nunca nos deu a vara coa relixión”.

Lembra Rivas tamén o compromiso social deste sacerdote, que se plasmou en diferentes e múltiples iniciativas, entre as que salienta proxectos como o de Auxilia, en Lugo, que traballaba con nenos e nenas con discapacidades físicas nuns anos onde esta condición implicaba prexuízos e illamento.

Comentarios