Paradela homenaxea a vida e traballo de Xesús Mato

O sacerdote e musicólogo deulle nome ao grupo Fuxan os Ventos.
O sacerdote e musicólogo Xesús Mato. (Foto: Europa Press)
photo_camera O sacerdote e musicólogo Xesús Mato. (Foto: Europa Press)

Co gallo da celebración do seu bicentenario, o Concello de Paradela, na comarca de Sarria, en colaboración con Brandán Comunicación, vén de publicar o libro Xesús Mato, 90 anos... e 50 do seu Fuxan os Ventos, unha homenaxe ao crego e musicólogo fillo predilecto do municipio e cofundador do grupo Fuxan os Ventos en 1972. A presentación da obra tivo lugar esta terza feira, tanto na Casa do Concello de Paradela como na Biblioteca Nodal de Lugo.

O libro representa a traxectoria vital de Xesús Mato, que fixo 90 anos o pasado 29 de outubro de 2022, após 50 anos da creación do grupo Fuxan os Ventos, pois foi Mato o autor da letra e da música da canción que lle deu nome ao grupo.

O volume de 166 páxinas, coordinado por Antonio Giz e Xulio Xiz, resume o camiñar pola vida de Xesús Mato e os textos de presentación de Román Rodríguez, conselleiro de cultura, José Manuel Mato, alcalde de Paradela, e dos coordinadores da publicación.

Ademais destes, tamén participan compañeiros de grupo de  Mato como Mini e Mero, o cura de Xermolos Alfonso Branco ou o director xeral de Política Lingüística, Valentín García, o xornalista Manuel Lombao, xunto con Marisol Bravos, José Crespo, Ángel Fernández, Marcos Fernández, Arximiro López,  Eloy Rodríguez, Santiago Rodríguez, Carlos Rodríguez, Isidoro Rodríguez e Lola Tourón.

En Xesús Mato, 90 anos... e 50 do seu Fuxan os Ventos cada un dos coautores incide nunha fase da vida e actividade do Pai Mato: a nenez, o Seminario, a guerra, a lingua, a cultura, a primeira parroquia, a súa primeira incursión en Radio Popular de Lugo, a música,  Fuxan os Ventos, Galiza canta ao Neno, crego de familia, Fillo predilecto de Paradela, Medalla Castelao... Unha vida entregada aos demais que o libro pon de manifesto a respecto dun home da Igrexa galega, da música e da cultura.

Comentarios