FACUA inicia unha batería de denuncias a festivais por impedir entrar con comida e bebida

Entre os denunciados pola asociación está o festival O Son do Camiño.

Asistentes ao festival O Son do Camiño accedendo ao recinto, na edición de 2022. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera Asistentes ao festival O Son do Camiño accedendo ao recinto, na edición de 2022. (Foto: César Arxina / Europa Press)

FACUA-Consumidores en Acción iniciou unha batería de denuncias contra organizadoras de festivais de música de todo o Estado español por impedir a entrada con comida e bebida do exterior.

A asociación xa presentou denuncias contra os promotores do Son do Camiño de Santiago de Compostela (que terminou rectificando, segundo explicou a organización).

Da mesma maneira, lembrou que en 2022 xa denunciou igualmente a máis dunha vintena de festivais por incorrer nesta práctica. "Os participantes teñen dereito a introducir comidas e bebidas do exterior, dado que a actividade principal destes eventos non é a hostalería, senón a celebración de espectáculos musicais, polo que esta prohibición para o acceso ao recinto non é necesaria para a correcta consecución da súa actividade", explicou.

Así, FACUA convidou a usuarios e usuarias que teñan coñecemento destas prácticas a que o trasladen á asociación para que valore a interposición da correspondente denuncia ante as autoridades de consumo.

De igual forma, indicou que os consumidores e as consumidoras poden reclamar os prexuízos económicos que sufran polo sobreprezo que teñan que asumir ao adquirir os alimentos no recinto, aconsellando á súa vez gardar comprobantes de todas as consumicións.

A asociación reclamou ás administracións competentes a nivel autonómico e local que desenvolvan controis sobre os eventos que se celebran no seu territorio e abran expedientes sacionadores a aqueles que incorran nesta práctica abusiva.

Tamén sinalou que as multas impostas deben ser proporcionais ao aforo dos eventos, para que así non lles saia máis rendíbel pagar a correspondente sanción que o beneficio que obteñen obrigando aos e ás asistentes a comprar alimentos no seu interior.

Comentarios