Engaiolarte publica un volume que recolle os debuxos dos cadernos de viaxe de Antonio Palacios

Engaiolarte Edicións vén de publicar Trazar a mirada, máis de 250 debuxos inéditos de Antonio Palacios rescatados dos seus cadernos de viaxe. Imaxes de paisaxes, monumentos e tipos humanos, que permiten comprender mellor a colosal dimensión artística do arquitecto porriñés.
Un dos deseños incluídos no volume.
photo_camera Un dos deseños incluídos no volume.

O debuxo foi, noutro tempo, considerado como a base común das artes, como o elemento cardinal da creación plástica. Se cadra, porque a inmediatez da execución permite unha maior fidelidade aos estímulos da mirada, o debuxo permite elaborar o mapa do pensamento do artista, o catálogo de inquietudes que funda a súa arte. 

A aparición de Trazar a mirada, un volume que recolle os debuxos realizados por Antonio Palacios nas súas viaxes, propicia un coñecemento máis exacto da colosal obra do arquitecto porriñés. A editorial Engaiolarte presenta agora, neste volume exquisitamente editado, a totalidade dos deseños de Palacios nos once cadernos que chegaron até nós, salvando as vicisitudes dunha vida ateigada de traslados e das calamidades dunha guerra que non favoreceron a conservación do legado do artista.

Identificado coas tendencias intelectuais máis vangardistas, Palacios participou de forma entusiasta no movemento galeguista

O tránsito á modenidade

A vida e obra de Palacios atravesan un tempo de enormes mudanzas. Contemplou a perda das colonias españolas, o inicio da monarquía parlamentar, a ditadura de Primo de Rivera, a II República, o golpe de Estado fascista e a subseguinte guerra civil... por non falar de que asistiu ao nacemento da aviación, do cinema, das vangardas artísticas, dos rexistros sonoros e dalgunhas innovacións -nada intranscendentes para un arquitecto- como a expansión da luz eléctrica e da calefacción.

Identificado coas tendencias intelectuais máis vangardistas, Palacios participou de forma entusiasta no movemento galeguista e organizou varias exposicións "rexionais" que pretendían impulsar a cutura galega e reafirmar a súa identidade, en colaboración co Francisco Llorens e Fernando Álvarez de Sotomayor -a "Santísima Trindade" como cariñosamente os denominaba Castelao. 

Dentro dese ambiente de efervescencia cultural e política, os cadernos de viaxe testemuñan as preocupacións do creador e do intelectual. As imaxes de Galiza, por exemplo, céntranse no vernáculo, nos vestixios prehistóricos, na arquitectura popular e no románico: os elementos que se interpretaban como a expresión máis auténtica da alma do país.

Mais, loxicamente, a súa curiosidade non remataba aí, e o interese por elementos construtivos e urbanísticos, detalles ornamentais e peculiaridades arquitectónicas das múltiplas cidades que visitou tamén quedan reflectidas nestes cadernos, nos que alternan o esbozo rápido e a obra traballada, o apuntamento veloz e a recreación do visto.

O libro constata que os debuxos dun caderno propiedade da familia e atribuído até o de agora a algún dos irmáns de Palacios son da autoría de Antonio. Nel dase conta dunha viaxe realizada en 1907 por Viena, Budapest, Múnic, Núremberg, Frankfurt, Bruxelas e París. 

O proxecto editorial  

O proxecto de Engaiolarte de recuperar toda esta obra debuxística, foi iniciado por Xosé Ramón Iglesias Veiga e Xosé Ramón Paz Antón no volume Antonio Palacios. Unha viaxe por Galicia, publicado en 2019 e que reunía os debuxos de tema galego.

O presente volume, a cargo de Álvaro Bonet, amplía o catálogo e dá noticias de moitas viaxes realizadas por Palacios a diversos lugares da península e de Europa das que até o de agora se coñecía pouco. 

Por exemplo, constata que os debuxos dun caderno propiedade da familia e atribuído até o de agora a algún dos irmáns de Palacios son da autoría de Antonio. Nel dase conta dunha viaxe realizada en 1907 por Viena, Budapest, Múnic, Núremberg, Frankfurt, Bruxelas e París. 

Cómpre lembrar a enorme influencia que na arquitectura daquela altura tiñan o jugendstil vienés e o modernismo francés e belga. Grazas a información proporcionada por este caderno, sabemos que Palacios puido ver en directo as obras de Otto Wagner, Adolf Loos e Ludwig von Hoffman en Viena, os deseños de Hector Guimard no metro de París e a obra de Victor Horta en Bruxelas.

De igual maneira, a visión dos debuxos permite estabelecer unha liña entre a mirada de Palacios e a de John Ruskin, dentro dun contexto no que a obra do crítico inglés xogaba un papel destacado no estabelecemento da arqueoloxía aplicada ao estudo dos edificios históricos. 

Trazar a mirada reúne, daquela, o pracer estético que proporciona a contemplación dunha obra espléndida e descoñecida e a fruición intelectual ofrecida polo coñecemento contextualizado dunha traxectoria imprescindíbel na historia do país e con multitude de arestas lamentabelmente pouco estudadas

Comentarios