sábado 23/10/21
Reflexiona sobre as representacións do pasado na Galiza e Portugal

O enigma do Coloso que fascionou aos membros das Irmandades da Fala

Unha exposición en Guimarães reflexiona sobre o enigma dunha escultura, supostamente castrexa, que ocupou o pensamento dos nacionalistas de principios de século. Risco, Bouza Brey ou Cuevillas esforzáronse en lexitimar o achado do Coloso de Pedralva, unha figura que aínda mantén o misterio que a rodea. 
Unha vista da exposición 'Complexo Colosso'.
Unha vista da exposición 'Complexo Colosso'. (Foto: CIAJG)

O 23 de maio de 1876, Francisco Martins Sarmento, un dos pais da arqueoloxía relacionada coa cultura dos castros, anotaba nun dos seus cadernos o achado, no xacemento do Chã do Ferrujal -na parroquia de Pedralva, en Braga- dunha estatua dun home de case tres metros de altura, composta por tres pezas de granito de formas un pouco crúas, como se estivesen só esbozadas. 

O Colosso de Pedralva, como se comezou a coñecer desde entón, desafiaba os coñecementos que se tiñan sobre a arqueoloxía da zona. A antigüidade da estatua foi posta en dúbida desde o momento mesmo do achádego, mais tamén espertou unha infinidade de especulacións sobre a súa orixe (protohistórica, prerromana ou galaico-romana) e sobre o seu significado. 

Mais o curioso foi que da parte portuguesa apenas houbo un morno interese no estudo da escultura; na Galiza, porén, a peza foi obxecto dunha estraña fascinación que levou a varios estudosos -entre os que se atopaban Bouza Brey, Florentino Cuevillas ou, xa na década de 1960, Taboada Chivite- non só a estudar a estatua e a tratar de acomodala dentro do corpus teórico que trataba da Galiza castrexa, senón tamén a crear un repertorio simbólico que lle outorgaba un valor eminente.

'Complexo Colosso': desde a arqueoloxía até o simbólico 

No Centro Internacional da Artes José de Guimarães, está patente agora unha exposición colectiva, Complexo Colosso, que enfronta desde o mundo da creación os múltiplos enigmas que rodean este achado. Comisariada polo lalinense Ángel Calvo Ulloa, a mostra conta coa representación galega do colectivo NEG (Nova Escultura Galega) -formado por Misha Bies Goas, Alejandra Pombo, Diego Vites e Jorge Varela- e Jorge Barbi, ademais da doutros artistas portugueses e doutras nacionalidades.

Mentres que ao nacionalismo galego lle interesaba fortalecer a imaxe dunha Galiza celta, no Portugal da ditadura non interesaba a cultura castrexa, preferían armar o seu discurso nacional sobre o barroco

Calvo Ulloa lembra que lle pareceu curioso ese desigual interese que espertaba a estatua nas dúas beiras do Miño. “Axiña tiven coñecemento de toda a bibliografía portuguesa sobre o Coloso, mais sorprendeume que na Galiza, dentro das dúbidas que espertara o descubrimento, era moito máis considerado e tiña unha enorme presenza no debate. Mesmo Vicente Risco escribiu sobre ela”. 

“Algúns arqueólogos cren que os estudosos galegos da década de 1920 estaban interesados en reivindicar que a peza pertencía a aquel período porque unificaba o territorio Galiza-norte e Portugal”, continúa o comisario da mostra. “Mentres que ao nacionalismo galego lle interesaba fortalecer a imaxe dunha Galiza celta, no Portugal da ditadura non interesaba a cultura castrexa, preferían armar o seu discurso nacional sobre o barroco". 

Mais esa incomodidade que xeraba  o Coloso propiciou que quedara desamparado: "desde a arqueoloxía deciden moi rápido que non é unha escultura castrexa, mais tampouco dan resposta sobre o que é", matiza calvo Ulloa. Nalgún momento pensouse nun artista espontáneo, mais tampouco é moi probábel, hai unha estilización que non é propia dun afeccionado”. 

Esa orfandade reflectiuse no destino do Coloso, que estivo peregrinando dun emprazamento a outro até rematar, en 1996, rotonda localizada entre o Hospital Senhora da Oliveira e o Guimarães Shopping, onde permanece até hoxe.

Traballar desde o artístico permítelles a artistas e comisario internarse no campo do simbólico da estatua porque, din, pertence non só ao campo da arqueoloxía senón tamén ao imaxinario colectivo da Galiza e Portugal.

Traballar desde o artístico permítelles a artistas e comisario internarse no campo do simbólico da estatua porque, din, pertence non só ao campo da arqueoloxía senón tamén ao imaxinario colectivo da Galiza e Portugal. 

“Desde o principio, falamos cos arqueólogos da Sociedade Martíns Sarmento”, explica Calvo Ulloa, “e eles entenderon perfectamente que a nós non nos interesase se o Coloso pertence a un período histórico ou a outro, senón que o obxectivo é traballar as capas que definen os múltiplos relatos aos que dá lugar esa figura. Abordamos o achado desde a historiografía mais tamén desde o escultórico, desde a historia de Portugal, ou desde o tema da sexualidade, tendo en conta que o monumento foi adscrito axiña, tanto por Martíns Sarmento como por Cuevillas a cultos fálicos". 

Esa multiplicidade de perspectivas e o feito de que Complexo Colosso forme parte dun  ciclo de exposicións titulado Nas margens da ficção, proba, talvez, que a realidade cambia a medida que cambia a mirada sobre ela. E, como subliña Calvo Ulloa, "dependendo da disciplina que mire para ela".

Unha exposición que permite revisar os discursos históricos que constrúen a mirada

Mirar o Coloso de Pedralva desde o campo da arte permite analizar os relatos que se acumulan ao seu arredor como discursos que emanan dos contextos políticos, sociais e culturais que arrodean unha obra ou un acontecemento determinado. As problemáticas históricas que se sobrepoñen sobre a escultura poden ser analizadas e revisadas polo público sen necesidade de pronunciarse sobre a autenticidade da obra ou sobre a súa adscrición a un determinado período.

Complexo Colosso pechará como parte do ciclo Nas margens da ficção o vindeiro 5 de setembro, mais reinagúrase o 1 de outubro coa entrada de catro artistas novos dos cales dous son tamén galegos, Diego Vites e Carme Nogueira, e poderá visitarse até febreiro de 2022.

comentarios