Unha instalación sonora do colectivo NEG trae ao presente o legado de Laxeiro

Até o 19 de setembro, a Fundación Laxeiro de Vigo expón unha instalación sonora do Colectivo NEG (Nova Escultura Galega) que rende homenaxe a Laxeiro no 25º aniversario do seu pasamento e que aproveita o seu legado para chamar a atención sobre a falta de sintonía entre o mundo da creación artística e o sistema no que se insire. 
Unha vista da instalación do colectivo NEG na Fundación Laxeiro (Foto: Fundación Laxeiro)
photo_camera Unha vista da instalación do colectivo NEG na Fundación Laxeiro (Foto: Fundación Laxeiro)

Agora que lle van dedicar o Día das Artes Galegas sería bo lembrar que o retrato que lle fixo Laxeiro á señora Marguerichirritel, dona do adiñeirado don Proferimol, foi o causante da separación da parella: Don Proferimol namorouse do retrato e non admitiu máis na casa á súa señora Marguerichirritel. Tampouco está de máis destacar que a súa obra está presente no Museo Trequilitonderitichl, na República de Afridondeskiril; na Academia de Predortolfrich, no lago de Aguarreldof; no Museo do Reino de Casteñera; ou no Salón de actos do Palacio de Sombras Movidas, en Glostorné, entre outras prestixiosas institucións. 

Ou iso polo menos escribía o propio Laxeiro nun texto redactado, en 1978, para unha exposición da súa obra na galería Torques de Santiago de Compostela. 

Entre a retranca e o dadaísmo, o que algúns consideran unha das excentricidades do pintor de Lalín constituía, en realidade, unha crítica a un sistema artístico que se fixaba antes no currículo que na obra exposta. A intelixencia de Laxeiro detectaba axiña a impostura e a súa ironía respondía ridiculizando a mirada daqueles que preferían fixarse no comentario antes que no orixinal. Se cadra, exercendo o mesmo mecanismo que activaba Nietzsche ao dedicarlle unha lapidaria frase a algúns poetas: “enlaman as augas para ocultar a súa falta de profundidade”. 

O ruído que oculta o sentido da arte

O Colectivo NEG (Nova Escultura Galega), formado por Misha Bies Goas, Alejandra Pombo, Diego Vites e Jorge Varela, inspirouse neste xesto de Laxeiro para crear Recordoleterlorintorel, unha instalación sonora que se expón até o 19 de setembro na Fundación Laxeiro para conmemorar o 25º aniversario do pasamento do artista.

Na instalación, unhas personaxes vagamente inspiradas nos disfraces dos entroidos galegos -como moitas das figuras que aparecen nos cadros de Laxeiro- descansan nun extremo da sala coma efixies axexantes que, porén, o público só pode albiscar de modo incompleto. Iluminados por unhas luces estroboscópicas, a vista só recolle fragmentariamente, en instantes minúsculos, o cadro que forman, mentres un son, a cada máis invasivo, repite un coro -máis ben unha superposición de voces- cuxo sentido é imposíbel descifrar. 

Quen estea minimamente familiarizado coa retórica que en moitas ocasións revisten os discursos sobre a arte, recoñecerá esa sensación de estar escoitando unha cacofonía que oculta a obra, que impide vela e que, coa súa disonancia, entorpece ou desvirtúa a fruición que se supón que nos debe proporcionar.

Na súa obra O tabeirón de 12 millóns de dólares, Don Thompson afirmaba que “o mercado da arte é unha tormenta perfecta de palabraría, interpretacións nesgadas e especulación" e, seguramente, o propio Laxeiro xa intuía que certos discursos só respondían a procesos de lexitimación da arte que pouco tiñan que ver co seu desfrute.

O colectivo NEG retoma e recrea a actitude irreverente e desacralizadora do pintor para crear unha obra que -co mesmo sentido do humor co que actuaba o pintor cando lle daba saída á súa retranca- carga contra as cerimoniosas solemnidades dun sistema artístico que opera, moitas veces, en contra dos valores que di defender. Xa escribía Marx que “as obras de arte, que representan o nivel máis elevado de produción espiritual, serán acollidas favorabelmente pola burguesía unicamente se hai posibilidades de que lle xeren directamente unha riqueza material”.

Relectura da tradición

A exposición non só pon de relevo a seriedade que se agochaba detrás dalgunhas extravagancias do pintor, senón que actualiza a súa obra cunha relectura que a conecta con outros referentes, como a poesía fonética de Kurt Schwitters ou as actuacións dos dadaístas no célebre Cabaret Voltaire. 

A Fundación Laxeiro, pola súa parte, anótase o triunfo de renovar unha tradición que non deixa de frutificar e prolongarse na obra de artistas nacidos entre as décadas de 1970 e 1980. Coa mesma intelixencia que se necesita para empregar a retranca como medio de coñecemento. 

Un colectivo que busca ensanchar os límites do campo escultórico

O colectivo NEG xorde a partir dunha serie de intercambios de arquivos, imaxes e obxectos cos que os seus compoñentes especulan sobre a idea da construción de referentes, propios e alleos, que posibilite a creación dun atlas imaxinario sobre o que asentar un discurso propio. 

A práctica artística de NEG remite á tradición artesanal galega, e aos conceptualismos dos países do Leste europeo dos anos setenta. Desenvolven o seu traballo a partir de ferramentas non vinculadas á tradición escultórica, como fotocopias, impresións en papel ou, neste caso, o son, propoñendo formas alternativas de ocupar o espazo expositivo, entendido como un ámbito susceptible de intervir máis alá da concepción volumétrica material da escultura. 

Comentarios