Cinema

Éxito nas salas de 'Matria', con 25.000 espectadores en menos de dúas semanas

O filme proxectarase proximamente no auditorio municipal da Illa de Arousa, así como nas Pontes, Ames, Nigrán ou Meis.
Fotograma de 'Matria', do director vigués Álvaro Gago. (Foto: Vinte Media)
photo_camera Fotograma de 'Matria', do director vigués Álvaro Gago. (Foto: Vinte Media)

Matria, a longametraxe coa que se estrea o director Álvaro Gago, rematará a súa segunda semana en carteleira achegándose aos 25.000 espectadores e os 150.000 euros de recadación, manténdose dispoñíbel en 27 pantallas de toda a Galiza e en até 49 no conxunto do Estado español.

Por iso, segundo informan os seus produtores, a película ampliará a súa rede de distribución a auditorios e casas de cultura, co obxectivo de facer chegar o cinema de estrea a localidades onde apenas hai oferta de salas comerciais. Así, nos próximos días Matria proxectarase no auditorio municipal da Illa de Arousa, así como nas Pontes, Ames, Nigrán ou Meis.

O filme, producido por Daniel Froiz, foi rodado en lingua galega nos concellos de Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, Vilagarcía, Cambados, Pontecesures e Pontevedra.

Conta a historia dunha muller, Ramona —interpretada por María Vázquez—, que vive nunha vila galega sumida nun contexto laboral e persoal "tenso e impredicíbel", sacrificando todo polo futuro da súa filla.

A película mostra como nunha vila costeira, Ramona traballa nunha fábrica de mariscos conxelados e, ocasionalmente, descarga mexillóns no porto, para aumentar o seu cativo salario.

A súa rutina vese interrompida cando a dirección da fábrica informa que lles baixaron —aínda máis— os salarios: rebélase e é despedida. Evidencia tamén a tensión á que son sometidas as persoas cando viven nun contexto de precariedade continuada.

Comentarios