Eva Almazán e Xosé Antón Parada gañan o Premio Plácido Castro de Tradución

O Premio Plácido Castro de Tradución está dotado con diploma e unha peza escultórica denominada “Babelio”  deseñada expresamente para o concurso por Xaquín Chaves. A dotación económica é de 2.000 euros.
Eva Almazán e Xosé Antón Parada (Foto: Nós Diario).
photo_camera Eva Almazán e Xosé Antón Parada (Foto: Nós Diario).

O xurado da XX edición do Premio Plácido Castro de Tradución, integrado por Ánxela Gracián, Beatriz Fariñas, Andrea F. Maneiro, Ana Luna Alonso, Xosé Antón Palacio Sánchez e Xulio Ríos reuniuse en Cambados para determinar as persoas gañadoras do premio.

Tras avaliar as obras presentadas, o xurado acordou outorgar ex aequo (por igual) o premio Plácido Castro 2022 á tradutora Eva Almazán pola obra O ano do pensamento máxico (The Year of Magical Thinking), de Joan Didion; e a Xosé Antón Parada Fernández, pola obra Código de Hammurabi e outras compilacións legais de procedencia babilónica. Ambos os títulos premiados foron publiados pola editorial Rinoceronte.

No caso de Eva Almazán, o xurado destaca a excelencia da obra, de “aparencia sinxela pero coa dificultade engadida dos diferentes cambios de rexistro”. Salienta tamén a elegancia da tradución tan efectiva como a orixinal.

No caso de Xosé Antón Parada Fernández, destaca a excepcionalidade e dificultade da tradución directa desde unha lingua tan afastada do noso sistema como o acadio, realizada con enorme meticulosidade e numerosas anotacións complementarias. Resalta tamén que se trata dunha obra fundamental na historia da humanidade.

Autores e obras

Eva Almazán é unha tradutora consolidada que conta no seu haber con numerosos premios e recoñecementos. Ten traducido a autores como Paul Auster, James Joyce, ou Edgar Allan Poe, entre outros.

Na obra O ano do pensamento máxico, Joan Didion explora unha experiencia persoal e á vez universal: o retrato dunha vida xuntos que remata bruscamente, os bos e malos momentos do matrimonio e da maternidade, capaces de conmover a calquera que amou un cónxuxe ou un fillo.

Polo que respecta a Xosé Antón Parada Fernández, profesor de ensino secundario e xefe de departamento no IES Pobra do Caramiñal, é unha das moi contadas persoas capaz de traducir directamente do acadio.

O Código de Hammurabi foi un conxunto de 282 leis inscritas nunha pedra polo rei babilónico Hammurabi (1795-1750 a. c.), quen conquistou e despois reinou na antiga Mesopotamia. Aínda que este código legal non foi o primeiro, foi o máis claramente definido e influíu nas leis doutras culturas.

O premio

O Premio Plácido Castro de Tradución está dotado con diploma e unha peza escultórica denominada “Babelio”  deseñada expresamente para o concurso por Xaquín Chaves. A dotación económica é de 2.000 euros.

Este Premio tense consagrado como un referente no sistema literario galego. Na nómina de premiados en edicións anteriores figuran persoeiros como Lois Tobío, Xela Arias, Anxela Gracián, María Reimóndez, Camiño Noia, Mona Imai, Isabel Soto, Antía Veres ou María Alonso Seisdedos.

A cerimonia de entrega do premio terá lugar o próximo 29 de setembro, véspera do Día Internacional da Tradución, no concello de Corcubión.

Comentarios