Contracultura

Esther Sobral: "As historias que a min me inspiraran estaban relacionadas con intres onde pechamos os ollos"

Esther Sobral, pedagoga musical e compositora, publica o seu segundo libro, 'Pechando os ollos' (Beroly), unha obra que recolle historias e sentimentos íntimos en oito pezas para piano e cunha misión solidaria.
A pianista Esther Sobral. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A pianista Esther Sobral. (Foto: Nós Diario)

—Por que Pechando os ollos?
Cando pasou un tempo despois de publicar o meu primeiro libro, Sinxeleza, eu estaba tocando no piano as últimas pezas que compuxera e decateime de dúas cousas. A primeira era que eu pechaba os ollos cando as tocaba, porque todas elas contan unha historia, todas me lembran a algo. E a segunda era que precisamente esas historias que a min me inspiraran estaban relacionadas con momentos onde, sen querer, de maneira espontánea, pechamos os ollos.

As persoas que entenden e que estudan estas cousas din que en moitos momentos pechamos os ollos como un modo de que outros sentidos se concentren máis na actividade que están a facer. Por exemplo, cando damos unha aperta sincera, cando nos despedimos, cando nos bicamos... Hai unha das pezas que se chama Abrindo xanelas que está dedicada ao meu irmán maior, que faleceu de Covid despois de moitos anos enfermo por outros motivos.

Nun momento dado déronnos esperanzas cun tratamento e ese tema representa un momento no que abres a ventá e respiras profundamente, pechando os ollos e sentindo un día fermoso. Por estas cousas pór os títulos das pezas non foi moi doado, porque eu realmente non sabía o que lle podía inspirar a outras persoas que as foran tocar. Con todo, en canto me decatei destas dúas cousas que comentaba decidín que o título do libro ía ser este, porque non podía ser 
doutra maneira.

—Un dos engadidos é que as pezas levan dúas dixitacións.
Sempre tiven problemas coas mans pequenas e na miña época de estudante, que afortunadamente iso xa non pasa, había obras obrigadas para facer os exames dos cursos. Houbo algún ano que non me puiden presentar porque a man non me chegaba para interpretar as partituras. Afortunadamente tiven uns mestres estupendos, amigos hoxe en día, e sempre atopaban solucións.

Co primeiro libro vin que eran pezas que non só gustaban ás persoas adultas, senón que as crianzas tamén desfrutaban de interpretalas. Sempre digo que tocar é tocar as notas, interpretar é outra cousa, e ás crianzas gustáballes entrar nesa parte emocional que isto implica.

De feito, diría que en moitas etapas de escolas e conservatorios se esquece aprender a contar, a sentir e a transmitir esas emocións porque se prima moito máis a técnica. Un compañeiro do conservatorio da Coruña, que tamén forma parte da editorial, fixo unha dixitación para xente formada e eu encargueime da dixitación para persoas coma min, que teñen as mans pequenas, ou para xente que aínda ten as mans formándose. É certo que hai algún libro que nalgún momento pon unha dixitación alternativa, pero non directamente pensada para este tipo de mans, polo que é algo que suma. 

—Cal é a misión solidaria deste libro?
Intento colaborar sempre que podo con accións benéficas e a Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (Asanog) fai un labor estupendo. Un labor, por outra banda, que non deberían facer, senón que debería partir da sociedade e que teñen que pór enriba da mesa os Gobernos. Coidar das persoas sas é moi fácil, mais coidar das enfermas, física e emocionalmente, xa está visto que non o é tanto.

A miña escola, Tratalenca, que fai agora tres anos, foi un proxecto que comezou con moitas dúbidas, tamén moitas restricións pola pandemia, e eses días eu só pensaba que cando mellorara a cousa, cando non estivera até o pescozo, buscaría algo para poder axudar.

Ese foi precisamente outro momento de pechar os ollos: lanzarme a facer algo que ía cambiar a miña vida, porque eu nunca pensara ser autónoma. Así, pouco antes de publicar o libro decidín que 70% dos beneficios irían para Asanog e de feito moitas das decisións que tomamos foron nesa liña. Por exemplo, o libro só se vende na páxina da editorial e non en tendas físicas porque iso supuña ter que restar cartos para facer as doazóns.

Comentarios