CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Como estafar os estafadores?

O noso crítico de cabeceira debrúzase esta sexta feira sobre un filme que aborda o estourido do crack financeiro no corazón do mundo capitalista, A grande aposta.

fotograma1
photo_camera Un fotograma do filme


A GRANDE APOSTA
The Big Short
(Estados Unidos 2015, 130 min.)
Dirección: Adam McKay
Guión: Charles Randolph e Adam McKay
Fotografía: Barry Ackroyd    
Música: Nicholas Britell
Elenco: Christian Bale, Ryan Gosling, Steve Carell, Brad Pitt, Marisa Tomei, Rafe Spall, Melissa Leo, Stanley Wong, John Magaro, Finn Wittrock, Hamish Linklater, Jeremy Strong, Karen Gillan, Rudy Eisenzopf, Casey Groves, Charlie Talbert, Margot Robbie, Selena Gómez, Richard Thaler

SINOPSE
Un grupo de visionarios detectan que os grandes bancos, levados por unha avaricia desmedida, están actuando dunha maneira descontrolada. Ante tal situación vaticinan que en poucos anos todo a economía mundial vai estourar, así que deciden facer un investimento en contra de toda a lóxica imperante: apostar contra o sistema.

CRÍTICA
Seguimos coa tempada pre-Óscar con A grande aposta, nomeada a Mellor Película, Mellor Director, Mellor Guión Adaptado, Mellor Actor Secundario e Mellor Montaxe. A verdade é que ben podería gañalos todos senón andase Iñárritu polo medio, mais todo é posíbel (...no mundo de Wayne). Estamos ante un verdadeiro filme sorpresa deses que dan moito máis do agardado. Está dirixido por Adam McKay, un nome que non di moito a priori, pero durante moito tempo foi o  “asociado” do comediante Will Ferrell: Pasado de voltas, Irmáns por pelotas, Os amos da noticia... Tal é así que A grande aposta é a primeira película de toda a súa carreira na que non colabora con Ferrell. Un xiro moi intelixente pola súa banda que lle reporta, nada máis e nada menos, que unha nomeación a Mellor Película, outra a Mellor Director e outra máis a Mellor Guión Adaptado, firmado xunto a Charles Randolph (A intérprete, A vida de David Gale). A película aborda as orixes da CRISE -así, con maiúsculas- sumándose a filmes coma O descoñecido de Dani de la Torre, O capital humano de Paolo Virzi, Dous días, unha noite dos irmáns Dardenne ou Os fenómenos de Alfonso Zarauza que trataban este tema desde diferentes puntos de vista. A grande aposta métese de cheo nas verdadeiras causas desa crise mundial que vimos arrastrando desde o 2007 baseándose no best-seller do periodista e escritor Michael Lewis, autor de outras novelas de corte economista que xa foron levadas á gran pantalla: The Blind Side (2009, John Lee Hancock) na que Sandra Bullock acadou un Óscar, e Moneyball (2011, Bennet Miller) con 6 nomeacións e producida por Brad Pitt.

Pitt repite na produción de A grande aposta na que, para variar, tamén se reserva un papeliño como gurú de Wall Street. Curiosamente é o único que rechía un pouco dentro dun elenco coral no que destaca (para goce dos/das fans) a reaparición de Ryan Gosling, tras un par de anos retirado diante das cámaras; Steve Carell, que sigue empeñado en facerse un nome coma actor serio (lembremos que o ano pasado foi nomeado por Foxcatcher); unha estupenda Marisa Tomei (gañadora daquel polémico Óscar por O meu primo Vinny); e o camaleónico Christian Bale, cun memorábel papel de visionario das finanzas (a pesar de ter un só ollo), con síndrome de Asperger e amante do heavy. Grazas ás súas preferencias musicais podemos escoitar temazos de Metallica, Mastodon, Guns n’ Roses, Led Zeppelin ou Pantera. Oullea!

O acerto de A grande aposta (que debería chamarse A grande estafa americana pero xa estaba pillado...) é que trata o complicadísimo tema macroeconómico dunha maneira tan educativa como entretida

Ben, recapitulemos... Estamos ante unha trama de historias cruzadas que se desenrola xusto antes do estoupido mundial da burbulla inmobiliaria. Un grupo de visionarios detectan, cada un pola súa banda, que a venda indiscriminada de hipotecas de alto risco, os bonos lixo de Wall Street e as valoracións, máis que interesadas, das empresas de cualificación tipo Standard & Poor’s coa conivencia dos medios de comunicación, evidencian un deterioro paulatino e inevitábel do sistema do que poden sacar unha suntuosa tallada, pois parece que ninguén máis ve o evidente e iso pode facelos multimillonarios. Así que, para sorpresa de todo o mundo, deciden apostar en contra dos bancos. Con todo, xorde un dilema moral: de acertaren, tamén suporía que milleiros de persoas queden desfiuzados na rúa. Por suposto, o resultado xa o sabemos todos... O acerto de A grande aposta (que debería chamarse A grande estafa americana pero xa estaba pillado...) é que trata o complicadísimo tema macroeconómico dunha maneira tan educativa como entretida. A cantidade de termos técnicos que se empregan poderían espantar e levar ao tedio máis absoluto para os neófitos, mais McKay consegue que a cousa flúa como a seda. En parte debido a un inspirado guión, pero tamén a un montaxe intelixente e áxil (tamén nomeado aos Óscar), a un punto xusto de retranca e, sobre todo, a un reparto en estado de graza que á mínima de cambio salta a cuarta parede para dirixirse ao público para explicarlle as nocións máis básicas dos complicados termos que están a falar. Unha clase maxistral certamente divertida. O público en xeral vai entendela perfectamente e os economistas, en particular, van gozar moitísimo. Non por nada é un filme recomendado polo mesmísimo Paul Krugman, premio Nobel de Economía. Interesante filme para ter ben presente as causas que levaron ao colapso do sistema occidental, as consecuencias (nulas) para os responsábeis e, de paso, para facer unha reflexión de que dirección queremos tomar no futuro. 

Comentarios