Semana da Filosofía

O espazo público como mercado

Remedios Zafra fecha a segunda xornada da XXXIX Semana Galega de Filosofía explorando a relación entre a arte e internet.
Carme Adán, productora do proxecto, e Marta Parez, unha das intérpretes. (Foto: M. C.)
photo_camera Carme Adán, produtora do proxecto, e Marta Parez, unha das intérpretes. (Foto: M. C.)

A XXXIX Semana Galega de Filosofía continuou esta terza feira, 11 de maio, no Teatro Principal de Pontevedra baixo a dirección dos membros da Aula Castelao de Filosofía. A segunda xornada de “Filosofía e Arte” iniciou con Miguel Anxo Rodriguez e Os vellos monumentos a outros ollos (de 10.30 a 13.30h), continuou con Iria Ribadomar Molina e Filosofía, Arte e Rúa. Ferramentas de transformación social ao servizo de quen? (de 17 a 19h), e rematou con Remedios Zafra e A humanidade lida por máquinas (de 20 a 22h).

Así mesmo, ás 19.30 horas tivo lugar a reprodución da serie web Sophias, sete capítulos de ficción realizados polo Consello da Cultura Galega coa colaboración da Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade da Xunta para visibilizar e divulgar o traballo das mulleres filósofas ao longo da historia. Producido por Carme Adán, presenta figuras tales como Hipatia, Mary Wollstonecraft, Simone de Beauvoir ou Judith Butler; para rematar coa famosa filósofa galega María Xosé Agra Romero, Catedrática de Filosofía Moral y Política da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e o seu traballo arredor da xustiza, a igualdade, o feminismo e a diversidade de xénero ou sexual. Marta Pérez, intérprete da obra xunto con María Roja, tamén estivo presente no acto.

Especializado en Arte Contemporánea e Teoría da Arte, Miguel Anxo Rodríguez é un profesor da USC coñecido pola súa participación en proxectos de investigación sobre escultura contemporánea, paisaxe urbana e espazos alternativos de creación. Os seus estudos encádranse na historia social da arte da segunda metade do século XX, especialmente en relación ás políticas culturais e os espazos autoxestionados en Galiza e o norte de Portugal. Nos últimos anos, estabeleceu colaboracións con xeógrafos e historiadores en traballos que afondan na análise das comunidades de artistas e a súa relación co espazo urbano, destacando o seu traballo con Iago Lestegás e Miguel Pazos Otón.

O profesor buscou presentar un contexto socio-histórico do debate que existe na actualidade acerca do “monumento”. Deste modo, se ben a arte do século XX caracterizouse por evitar “monumentos” ou elementos impositivos con fórmulas que potenciaban o efémero das intervencións e o carácter participativo ou colaborativo da nova arte pública; agora, nas últimas décadas, recóñecese a súa importancia na creación da identidade colectiva, a súa función nos procesos de xentrificación e promoción das cidades no contexto da competencia por atraer turismos e investimentos e, sobre todo, a importancia da arte e o simbólico na xestión da memoria colectiva asociada á represión, á guerra, á falta de liberdades ou a imposición ideolóxica. A estética debería reservar un espazo a repensar o lugar dos monumentos nas sociedades contemporáneas e decidir sobre a existencia e oportunidade de moitos destes.

Iria Ribadomar Molina, de 39 anos, xa ten a súa propia marca de artesanía, 'Deica! Creacións', un proxecto obra gráfica e complementos co que trata de sintetizar, a través da ilustración, que é para ela a identidade galega, creando nova iconografía coa que vémonos reflectidas e coa que reflexionar arredor da nosa cultura. Pintora, ilustradora e deseñadora, formouse na Escola de Artes Plásticas e Deseño Mestre Mateo, o cal marcaría a traxectoria da súa carreira. No verán de 2009 solicitou por primeira vez o permiso para a realización de “Actividades Artísticas na vía pública” en Compostela, tarefa que seguiría a realizar ata o ano 2019. Esta experiencia, explica ao intentar “transcribir o rebumbio da súa cabeza”, foi o inicio da súa relación coa Arte e a Rúa, unha oportunidade de compartir o arte con veciñas e visitantes de todo o mundo.

Presentada polo escritor Xoán Carlos Garrido, membro da Aula Castelao, a pintora presentou unha tese moi emparentada con Walter Benjamin e a aura relixiosa, un elemento que, na época da reproductibilidade técnica, está reservado para os titáns da produción cultural. Non obstante, a súa tese vai máis alá. Segundo Ribadomar, “parece que sempre estamos pelexando por un sitio na centralidade”, e sinala que en Galiza estamos a vivir un proceso de despersonalización caracterizado pola “criminalización da identidade, o baleirado do espazo rural de contido e a reapropiación do capitalismo para facer produtos”. En cambio, romantizamos o turismo e outros produtos comerciais, e renunciamos a unhas ferramentas que o sistema económico si que sabe empregar e que, de feito, empregan contra nós. Como dixo ao final da súa charla, e relacionado coa seguinte relatora e a internet, “non hai que subestimar o poder da invisibilidade”.

Remedios Zafra, a terceira relatora, é ensaísta, profesora e investigadora no Instituto de Filosofía do Consello Superior de Investigacións Científicas. Clara e precisa en analoxía á imaxe tecnolóxica da que falaba, a súa intervención partiu das liñas especulativas da súa obra máis recente (El entusiasmo, 2017; Frágiles, 2021; e El bucle invisible, 2022) e recorreu as figuras de varios filósofos tales como Gilles Deleuze, Henri Bergson ou Lev Manovich. Está orientada ao estudo crítico da cultura contemporánea e as políticas de identidade nas redes, e títulos como a súa Cátedra en Artes e Humanidades ou doutorado en Filosofía Política preceden o seu traballo. A súa obra reflexiva ten logrado importantes recoñecementos, entre eles, o Premio Anagrama de Ensaio por El Entusiasmo en 2017 ou o Premio Internacional de Ensaio Jovellanos por El bucle invisible en 2022.

A arte e a filosofía permiten ese “xogo entre o simbólico e o imaxinario fronte á dor da enunciación do suxeito cando se rebela fronte a unha identidade estereotipada”. A reproductibilidade da obra, se ben ao servizo das industrias culturais, pode ser unha potencia da creación artística que contribúa a democratización da arte e o noso acceso a mesma, en vez  de á opresión simbólica. Así, Zafra presenta unha íntima relación entre o internet e o arte, coa intención de explorar e crear novas representacións da realidade que nos permita interpretala. “Nun tempo onde se normaliza que as masas sexan cada vez máis lidas por máquinas baixo forzas monetarias mentres os máis privilexiados poden ser lidos por humanos (psicólogos, avogados, médicos...)”, é menester que tomemos responsabilidade do noso contexto e establezamos expectativas realistas acerca de que é o que esperamos da tecnoloxía.

Esta cuarta feira, 12 de abril, será a quenda de Patricia Mayayo con Ecofeminismos, ecoloxías queer e transhumanismos: diálogos entre as prácticas artísticas feministas e a ecoloxía (de 10.30 a 13.30h), unha mirada dende a perspectiva ecofeminista acerca da relación entre a natureza e a xerarquía de poder, así como da súa representación na arte; Sabela Hermida, con O existencialismo na vida e na creación artística de María Casares (de 17 a 19h), unha análise das influenzas da experiencia de exilio e da filosofía existencialista na actriz María Casares, e Fermin Muguruza, con Hai algo aquí que vai mal (de 20 a 22h da noite), o cal dedica a súa interpretación do paradigma existencialista ao cabodano do seu irmán Iñigo (17 de decembro), baixo o lema “protesta e sobrevive”.

Comentarios