Os vínculos entre filosofía e arte, tema da XXXIX Semana Galega de Filosofía

Comeza esta segunda feira en Pontevedra, dedicada ás relacións entre filosofía e arte.
O artista visual Francesc Torres intervirá esta segunda feira. (Foto: CGAC)
photo_camera O artista visual Francesc Torres intervirá esta segunda feira. (Foto: CGAC)

A próxima segunda feira comezará a XXXIX edición da Semana Galega de Filosofía, dedicada nesta edición a ‘Filosofía e Arte”. A elección do tema débese ao “interese que nos brinda a arte como dimensión definitoria do ser humano xunto coa linguaxe e o pensamento: é unha actividade simbólica que nos acompaña dende o limiar dos tempos, en paralelo ao pensamento e a linguaxe, as outras expresións simbólicas coas que representamos o mundo e a realidade", declaran desde a Aula de Filosofía Castelao, organizadora do evento. 

"A arte ábrenos a unha experiencia estética diferente onde cobra importancia unha senlleira interpretación e representación do mundo humano nos seus diferentes ámbitos: social, persoal, político, cultural, natural...", continúan as responsábeis do encontro

"Interésanos ollar a arte como un medio de expresión do pensamento, mais tamén doutros contidos alén do mesmo como son as emocións e o irracional. A súa eficacia como vehículo de comunicación ás veces mellora a propia palabra. Por iso tamén queremos reflexionar sobre o papel ou a función que ten a arte na nosa sociedade, ora como produtora de ideoloxías, ora como medio de análise e denuncia, ao mesmo tempo que nos preguntamos pola mesma función da artista. Non quixemos abordar o tema soamente dende o punto de vista teórico da filosofía da arte, senón que tamén quixemos dar a palabra ás propias artistas para que nos falen da súa actividade creativa e da súa produción artística a partir das súas vivencias individuais e colectivas”. 

O evento manterá a estrutura de palestras ás 10 horas da mañá, con maior carga teórica e contido filosófico, nas tardes a partir das 17 horas con temática centrada no ámbito de Galiza e sesións de noite ás 20 horas, cun contido máis xeral, con menor carga filosófica. 

Francisco Jarauta, catedrático de Filosofía da Universidade de Murcia,  co relatorio "Certamente é estraño que a Terra xa non sexa habitábel!"; María Novas, arquitecta e doutoranda en Historia e Teoría da Arquitectura na Universidade de Sevilla co seu relatorio a "Arquitectura e xénero: sobre a xerarquía de valores na produción de espazos para a vida"; e o artista visual, Francesc Torres abrirá as sesión de noite da Semana con “Contrantura. Cando a Historia devén contido artístico ou a imposibilidade (case) de explicar sen decorar” serán as persoas encargadas de abrir a Semana de Filosofía o vindeiro día 10 de abril.

Comentarios