As escritoras galegas asinan un manifesto no castelo de Soutomaior

A Deputación de Pontevedra realizou un acto co gallo Día Mundial das Escritoras no Castelo de Soutomaior no que participaron creadoras actuais e homenaxeouse ás máis importantes doutras xeracións. As presentes realizaron un documento que darán a coñecer este terza feira.
O manifesto asinado polas escritoras presentarase esta terza feira (Nós Diario)
photo_camera O manifesto asinado polas escritoras presentarase esta terza feira (Nós Diario)

O Castelo de Soutomaior acolleu esta segunda feira, coa sinatura dun manifesto e o reencontro de escritoras de varias épocas, o acto principal do Día Mundial das Escritoras.

O Salón Nobre da fortaleza foi testemuña dunha reunión na que participou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada das escritoras Isabel Blanco, Silvia Penas, Inma López Silva, Silvia Cernadas, Ana Figueiredo, Elvira Ribeiro, Regina Vega, Arantza Portabales e Ledicia Costas.

As presentes convocaron a escrita e a oratoria de María Vinyals, a 'Marquesa roxa', representada pola escritora Mariana Carballal, mais tamén as escritoras Rosalía de Castro,  a través de Tero Rodríguez e de Carmen Álvarez, que leu un fragmento de Lieders. Juana de Vega reviviu con Isabel Blanco e Rita Míguez, que leu un fragmento do discurso á raíña Isabel II; Filomena Dato fíxoo da man de Antela Cid e Teresa Vidal, que leu un fragmento do poemario Follatos; Concepción Arenal regresou con Estíbaliz Veiga e Sara Rodríguez, que leu un fragmento de La educación de la mujer; Concha Castroviejo fixo o propio con María Costa e Carla Rodríguez, que leu un fragmento de Víspera del odio.

Ademais, Casilda Alfaro lembrou Pura Vázquez cun fragmento de A saudade i outros poemas; Xela Arias voltou ao presente con Silvia Penas e de Aldara Cabaleiro, que leu un fragmento do poema Intempériome; e Sofía Casanova coa voz coa voz de Débora Vukusic e de Valeria Narciso, entre outras.

Após o faladoiro literario tivo lugar a cea das convidadas, con reflexións, reivindicacións e debates que concluíron coa sinatura dun manifesto "histórico" que se dará a coñecer esta terza feira.

Silva definiu este encontro, organizado pola Deputación, como “único e marabilloso, que forma parte da tradición histórica das mulleres que ao longo da historia se reunían ben de xeito público e notorio, como as que organizaban as sufraxistas".

Comentarios