domingo 18/04/21
Un proxecto de 1853 levou a condicións de escravitude a case 2.000 galegos na illa

Escravos galegos en Cuba

A doazón ao Consello da Cultura Galega dunha serie de documentos relacionados coa figura do empresario e político Urbano Feijóo Sotomayor devolve á actualidade o seu proxecto de colonización para levar centos de galegos a Cuba, un plan que ocultaba unha terríbel realidade de explotación e escravismo.

Retrato de Urbano Feijóo Sotomayor.
Retrato de Urbano Feijóo Sotomayor.

O 6 de marzo de 1854 chegaba á Habana a fragata de Villa de Neda, que transportaba 314 traballadores galegos destinados aos "ingenios", nome polo que se coñecían daquela as plantacións de cana de azucre. Nos seis meses seguintes, chegaron á illa outras sete expedicións que levaron a Cuba un total de 1744 emigrantes da Galiza. 

Todos eles formaban parte dun proxecto argallado por Urbano Feijóo Sotomayor, un empresario e político de Viana do Bolo que fundara en 1853 a Compañía Patriótica Mercantil, con dous obxectivos declarados: "socorrer a los desgraciados gallegos" e "contribuir a la agricultura y al aumento de la población blanca de la isla". Feijóo fundamentaba a empresa no seu amor polos dous países, e ofrecíalles aos emigrantes galegos un contrato para traballar na illa durante cinco anos, asegurando a volta á casa ao cabo dese tempo. Porén, Feijóo resultou non ser de fiar.

Para contextualizar este episodio hai que lembrar que o Congreso de Viena aprobara a abolición da escravitude en 1815. Inglaterra suprimíraa nas súas colonias en 1833 e presionaba outros países para que adoptasen a mesma medida, de modo que o Reino de España se viu obrigado a asinar tratados que proscribían a trata. Non obstante, as autoridades coloniais buscaban a forma de eludir a prohibición, que iniciou un importante mercado ilegal de escravos que encarecía a forza de traballo. 

O proxecto

Entrementres, na Galiza sufríase unha importante crise de subsistencia: en 1853, unha época de fortes chuvias provocou a ruína das colleitas, fame e, a seguir, unha epidemia de cólera que estendeu a miseria. Feijóo de Sotomayor presentou o seu plan como un proxecto de salvación para o país. Aínda que todo indica que o que realmente pretendía salvar eran os cinco ingenios azucreiros, os tres cafetais e as varias facendas que administraba na illa. 

Feijóo botou contas e chegou á conclusión de que un galego saía máis barato que un escravo e que un negro emancipado. A un destes últimos pagábaselle un salario de vinte pesos, ao que había que engadirlle un real de manutención. Un galego saía por "non moito máis de oito pesos ao mes" e proporcionaría "un proveito polo menos do duplo do que ofrece o escravo e incomparabelmente maior do que pode esperarse do negro xornaleiro, aos prezos de hoxe". 

Sen sabelo, os emigrantes asinaron unhas cláusulas leoninas: non podían dispor do pasaporte e aceptaban sufrir castigos corporais se non cumprían coas súas "obrigas". Ademais, facían xornadas moito máis longas que as estipuladas, en ocasións suxeitos con cadeas e grillóns.

O escándalo

A realidade non foi tan indulxente. Sen sabelo, os emigrantes asinaron unhas cláusulas leoninas: non podían dispor do pasaporte e aceptaban sufrir castigos corporais se non cumprían coas súas "obrigas". Ademais, facían xornadas moito máis longas que as estipuladas, en ocasións suxeitos con cadeas e grillóns, e recibían unha alimentación claramente insuficiente. Moitos foron traspasados a propietarios que compraban os seus contratos e os escravizaban nas súas plantacións. Outros, foron destinados polo goberno colonial á construción do ferrocarril. 

Aos dous meses da chegada á Habana da primeira expedición xa faleceran máis de 300 homes, sometidos a un trato infrahumano. Ao final da "aventura", foron máis de 500 os que acabaron morrendo. 

Tiñan que enfrontarse a un clima ao que non estaban afeitos, ao cólera e a unhas xornadas de traballo de máis de 15 horas diarias, que non eran en absoluto as pactadas. Se protestaban eran castigados duramente. Se escapaban -resolución que moitos tomaban ante a crueldade do trato a que eran sometidos- acababan encarcerados cando eran atopados vagando pola illa. 

Algúns deles, co pouco diñeiro que lles quedaba, contrataron escribentes para enviar cartas ás súas familias denunciando a súa situación. Os xornais fixéronse eco da traxedia e axiña foi medrando o escándalo. Nun primeiro momento, o goberno alegou que se trataba dun tema da colonia, até que en 1855 un deputado galego, Ramón de la Sagra, solicitou a discusión parlamentar do asunto, reclamando a liberación urxente dos traballadores e a concesión de indemnizacións. Feijóo responsabilizou do fracaso os propietarios cubanos, as autoridades españolas en Cuba, e os propios traballadores, e optou por cobrar as subvencións e desaparecer da illa. 

Feijóo acabou sendo reelixido deputado dúas veces máis

O escándalo foi investigado por unha comisión parlamentar que recoñeceu as condicións inhumanas a que foron sometidos os galegos e eximiunos das súas obrigas contractuais, mais non lles concedeu axudas para retornar nin compensacións polo maltrato recibido. Co argumento de que se precisaba man de obra para a agricultura e a industria cubanas, non se lles exixiron responsabilidades nin ao goberno nin ao empresario galego.

Feijóo acabou sendo reelixido deputado dúas veces máis: en 1872 por Verín e en 1881 como representante de Matanzas (Cuba).


Un documento atípico

A listaxe de colonos contratados por Urbano Feijóo é un documento atípico, integrado dentro do fondo que acaba de recibir o CCG. Contén información dos preto de 2.000 galegos levados a Cuba no marco do plan de colonización promovido por Feijóo e que rematou cun escándalo polo trato denigrante que sufriron.

comentarios