Escolares de varios puntos do país homenaxearon a Rosalía na Casa-Museo Manuel María

Este sábado tivo lugar en Outeiro de Rei (comarca de Lugo) a final de recitado escolar ‘Rosalía sempre viva’.

O alumnado premiado no Certame 'Rosalía sempre viva' esta edición (Foto: Nós Diario).
photo_camera O alumnado premiado no Certame 'Rosalía sempre viva' esta edición (Foto: Nós Diario).

A Casa-Museo Manuel María reuniu este sábado escolares de distintos puntos da Galiza para homenaxear a Rosalía de Castro. Foi a fase final do certame de recitado escolar ‘Rosalía sempre viva’ que este ano sumou oito edicións dunha iniciativa que naceu hai dez anos e que só se suspendeu durante os dous anos da pandemia da Covid-19.

O certame é unha das dúas actividades que realiza a Fundación para lembrar á poeta, a outra decorreu a semana pasada e estaba destinada ao público en xeral. A iniciativa deste sábado consistiu na fase final de recitado de poemas de Rosalía e de Manuel María por parte de alumnado de ensino non universitario galego, desde primeiro de Primaria até segundo de Bacharelato.

Días atrás tivo lugar unha fase previa nos centros educativos participantes nas localidades de  Lugo (comarca homónima); Castro de Ribeiras de Lea, en Castro de Rei, e Vilalba (A Terra Chá), Foz (A Mariña), Monterroso (comarca da Ulloa), Melide (comarca homónima, Xanceda (Mesía, comarca de Ordes), Ponteareas (O Condado), Ortigueira (comarca do Ortegal), Riós (comarca de Verín), Fene (Ferrolterra), A Coruña (comarca homónima), Trazo (comarca de Ordes), Nigrán (comarca de Vigo), Vilagarcía (O Salnés), Arzúa (comarca homónima) e Redondela (comarca de Vigo).

Importante participación

O presidente da entidade, Alberte Ansede, salientou a Nós Diario “a importante participación” sabendo “que veñen de comarcas de todo o país”.

A actividade desenvolveuse en dúas sesións, de mañá e de tarde, e contou cunha importante participación. O alumnado, de entre os 6 e os 18 anos, realizou un excelente concurso, “cun nivel moi salientábel”, en palabras de Ansede. Esta circunstancia puxo moi complicado o veredicto do xurado.

“Para nós é moi importante que haxa unha interiorización da poesía de Rosalía e de Manuel María para que haxa unha comunicación natural cara o público”, considera o responsábel da Cada-Museo, “resulta verdadeiramente emocionante ver como as familias reaccionan no acto”, afirma.

Alumnado premiado

O alumnado premiados segundo as categorías foron:

-1ª categoría (1º, 2º e 3º de primaria): Daniela Velo Veiga, do CPI de Xanceda (Mesía), co recitado do poema Adiós ríos, adiós fontes de Rosalía de Castro, do seu libro Cantares Gallegos.

-2ª categoría (4º, 5º e 6º de primaria): Lara Arias Sanjurjo, do CPI de Xanceda (Mesía), co poema Alborada nº1 de Cantares Gallegos, Rosalía de Castro.

-3ª categoría (Educación Secundaria): Pablo García Martínez, do IES de Foz, polo recitado Cantas os galos pró día de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro.

-4ª categoría (Bacharelato e Ciclos Formativos): Iria Mariño Solla, do IES Val do Tea (Ponteareas), co poema Cando a luniña aparece, de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro..

Tamén recibiron unha mención honorífica na categoría 2ª, Daniela Otero Fernández, do CEIP Anexo-A Lomba, de Vilagarcía de Arousa, polo seu recitado do poema de Rosalía de Castro Quíxente tanto meniña. E igualmente na categoría 3ª recibiron unha mención honorífica Lucía Seoane Fernández do Colexio Marista A Inmaculada de Lugo polo recitado do poema de Rosalía Adiós ríos, adiós fontes, e Sara Martínez Quindimil, do CPI de Xanceda, co poema Tanto e tanto nos odiamos, pertencente a Follas Novas, de Rosalía de Castro.

Comentarios