venres 03/12/21

'Eroski Paraíso', a película

Chévere volve sobre Eroski Paraíso, desta volta para estrear un filme que adapta a dramaturxia asinada polo propio Xesús Ron. A longametraxe preestréase en Compostela 24 de novembro e no Culturgal 30 de novembro.

Fotograma de «Eroski Paraíso» (Chévere)
Fotograma de «Eroski Paraíso» (Chévere)

Após o éxito de Chévere con Eroski Paraíso, o texto que asinaba e dirixía Xesús Ron dá o salto á gran pantalla. Neste periplo, o autor está acompañado polo director de cinema Jorge Coira.

A adaptación da obra de teatro, coa que a compañía percorreu durante varios anos o Estado español, acadando máis de 30.000 espectadores, enmárcase no camiño fronteirizo de artes escénicas e audiovisual que caracteriza a súa recente produción, situándoa na vangarda artística europea.

Misión social

O filme foca o relato en Álex (Cris Iglesias), unha cineasta novel decidida a realizar unha película sobre a historia dos seus pais. Eva (Patricia de Lorenzo) e Antonio (Miguel de Lira) coñecéronse na sala de festas Paraíso en 1989, casaron e tiveron unha filla. Após sete anos divorciados sen contacto, a antiga discoteca converteuse nun supermercado Eroski.

En clave de comedia, a historia explora a memoria colectiva baseándose en historias reais que sucederon no Paraíso, sala de festas que existiu realmente en Muros e pasou o peche en 1990 para se refundar nun Eroski. Un feito que, cambiando os homes, se repetiu en infinidade de lugares de España onde cinemas, salas de festa e outros locais de socialización se volveron espazos de consumo.

Chévere non renuncia ao seu estilo comprometido e estabelece no discurso da obra un diagnóstico da sociedade contemporánea. É, nas súas palabras, un «retrato dunha xeración que o tivo todo ao alcance da man pero que camiñou pola vida coma se recorrese o corredor dun supermercado, unha metáfora viva da transformación social que tivo lugar nos últimos 35 anos en España».

Preestreas en Compostela e Pontevedra

Tras a primicia mundial no Festival de Cans, o filme, coproducido por Chévere e Ollo Vivo, preestréase este domingo 24 de novembro dentro da programación de Cineuropa en Santiago de Compostela.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

A entrada é de balde, coa correspondente retirada previa de convite, dispoñíbel a partir da sexta feira no Teatro Principal ou o domingo no Auditorio de Galiza. Antes da estrea en salas o vindeiro 13 de decembro, Eroski Paraíso terá tamén un pase na Culturgal o sábado 30 de novembro.

'Eroski Paraíso', a película
comentarios