Entrevistamos Patricia de Lorenzo

"Chévere ten unha misión social"

Patricia de Lorenzo entrou en Chévere “soa ante o perigo”, coma o nome da Ultranoite en que, baixo o formato stand up, gañou o aprecio do público e das súas futuras compañeiras. Desde aquela, Patricia de Lorenzo (A Coruña, 1971), quen comezara con 19 anos no Centro Dramático Galego, leva máis de 20 anos implicada no proxecto Chévere, converténdose en piar fundamental non só sobre as táboas do escenario, pois desenvolve tamén labores de dirección, administración, xestión e produción. Como recoñecemento a esta longa traxectoria, recibe este mes o premio Xograresa de Outono, galardón entregado polo Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo. Eis un estrato da peza publicada no número 368 do semanario en papel Sermos Galiza
f7_EntrevistaPatricia
photo_camera Patricia de Lorenzo (Irene Pin)

m7_EntrevistaPatriciaCando pasou a formar parte da compañía desde o punto de vista da xerencia?

Houbo un momento que para min foi clave, destes que distingues na vida: dedicarme exclusivamente a Chévere. Foi co nacemento do meu segundo fillo en 2007. Comezamos a entender a empresa como o que é, ou debería ser, porque normalmente nas artes escénicas non hai moito esta concepción. Explícome. Naquel momento fixeramos coa AGADIC titorías empresariais e decatámonos de que tiñamos unha situación irregular, un de nós estaba dado de alta como autónomo e o resto estabamos contratados por proxectos polo réxime de artistas, co cal algúns saiamos beneficiados. Decidimos unificar os catro socios que eramos para estarmos todos nas mesmas condicións. Tamén foi un cambio de mentalidade. Estabamos facendo a serie para a TVG Pepe o Inglés, onde se contratou realmente a Chévere. Os socios traballadores, con diferentes facetas (actuación, escrita, dramaturxia…) comezamos a funcionar como fan as empresas normais: traballando para si propias. Chévere é un proxecto empresarial, non individual. Isto no mundo escénico é difícil de comprender. Somos dúas as persoas que traballamos así, Xesús Ron e mais eu, en exclusiva. Se me chaman a min para presentar unha gala, non é Patricia de Lorenzo quen a fai, senón Chévere. Para min é a maneira fácil de traballar, porque non son unha boa escritora, pero si podo actuar ben. Aí é onde entra a formar parte o equipo. Infelizmente só somos dous, pero cos outros integrantes estabelecemos traballos por proxectos. Foi clave comprendérmonos como empresa, pois é a aposta interesante e intelixente, mesmo pensando en termos económicos. Por outra banda, a nivel artístico tes liberdade. Eu fago o que quero, sinto que decido sobre as cousas que fago. 

Escolleu unha implicación máis profunda.

Formo parte das decisións. Os actores e as actrices normalmente somos o último elo da cadea, sobre todo no audiovisual. No teatro, ao final en escena estás ti, pero na tele e no cinema póslle cara a algo que igual non tiveches oportunidade de ensaiar. Considero que nisto teño o control do que fago. Tamén probei o outro e non me gustou.

que ten que facer unha compañía de teatro na sociedade en que vivimos? Entreter simplemente?

Como se toma a decisión de producir un espectáculo?

Cada vez cústanos máis facer espectáculos. Primeiro, porque temos menos contacto entre nós, se non temos traballo, non nos vemos. Iso que nos acontecía de máis novos, atopármonos nos bares ou ceando, parece unha parvada, pero vai desaparecendo. Fáltanos ese espazo de encontro físico, no que nos xuntemos e pensemos. Cando poñemos en marcha unha produción moitas veces o que facemos é traballar porque toca, porque Chévere ten que seguir adiante. É certo que temos moitas ideas para facer cousas, non é que se nos esgoten, pero si notamos que esas ideas precisan dese vínculo físico. Por aí é onde percibimos que cada vez é máis complicado. A maiores, procuramos facer máis distribución do que producimos. Eroski Paraíso estreouse en 2016, e o seguinte espectáculo grande, Curva España, estréase en 2019. Moitas compañías van a espectáculo por ano, seguindo o ritmo que marcan as axudas de produción. No medio, hai moitos proxectos que se cadra non son tan visíbeis, mais son case os que máis nos estimulan. Teñen que ver, por exemplo, coa formación, como uns obradoiros de teatro e autoestima que comezamos a facer este ano, ou unhas audioguías teatralizadas que fixemos para a Mariña. Temos traballo de segunda feira a domingo, ás veces é difícil desconectar. Pero en todo caso son cousas que nos enchen. Porque… que ten que facer unha compañía de teatro na sociedade en que vivimos? Entreter simplemente? Non, temos unha misión social e todo o que facemos responde a iso. Queremos que desapareza a violencia contra as mulleres? Queremos que se salve o planeta, somos rebeldes contra a extinción da especie humana? Pois temos que traballar por aí, non podemos andar a facer cousas que non teñan que ver coa nosa vida.

“Sinto que decido sobre as cousas que fago"

Iso propiciaba a residencia en Teo. Non se trataba só de ensaiar nun sitio, senón que tiña unha implicación coa comunidade.

Totalmente, acabas de acertar de cheo. De feito, por iso nos deron o Premio Nacional de Teatro en 2014. Cada vez que leo os argumentos do xurado aínda me emociono porque cita precisamente o que acabas de comentar. Facemos Curva España en Compostela con case mil espectadores, está gustando moitísimo, pero a min neste momento estimúlame máis todo iso. Un proxecto de compañía residente como o de Teo, que xa se facía coa sala Nasa, dá lugar a todas estas iniciativas, que realmente para min son as que transforman a sociedade, cando as persoas poden achegarse ao teatro e verlle as tripas. Cando lle ves as tripas ao teatro, vesllas á sociedade. Moita xente en Teo di que o sente e eu penso que é porque teñen esa sensación de que perderon algo, e creo que se refiren a iso, máis que a que fagamos alí as obras e veña o público a velas, que ao final para iso tamén vale o Auditorio de Galiza. Despois do de Teo varios concellos fixeron chamadas de apoio e de ofrecemento. Precisamente agora estamos analizando todas as opcións, pensando en trasladar todo ese traballo a esta rede de concellos “aliados” de Chévere (ou hai que buscarlles un nome). Pode dar pé a facer proxectos en comunidade que cubran esa parte do traballo da compañía. 

Mencionaba o Premio Nacional de Teatro. A achega económica que trae dedicárona precisamente a pór en marcha A Berberecheira, que tamén ten moito que ver con todo iso.

Efectivamente. A relación que temos coas persoas coas que traballamos, condicionada pola rutina e a mecánica da produción e a distribución, volveuse meramente laboral. A berberecheira, que fai referencia a un viveiro que hai na zona de Carnota, pretende ser un lugar de encontro no que calquera desas persoas colaboradoras de Chévere poidamos expoñer unha idea que todas escoitamos para dar unha opinión. Nalgún caso fomos máis alá e Chévere chegou a dar unha cobertura empresarial para que se levasen a cabo os proxectos, é dicir, que a xente cobrase e distribuíse as funcións sen ser unha competencia ilegal. Estes proxectos pequenos que fixeron en escena persoas individuais, teñen, iso si, un contido político. O que poñiamos sobre a mesa é que os proxectos teñan unha implicación coa sociedade na que vivimos. É como un brazo de Chévere, non o facemos nós directamente, mais está dirixido. A idea é que Chévere non é só os espectáculos da compañía, senón que continúa con este espírito d’A Berberecheira.

As axudas da AGADIC marcan os calendarios de produción. Cre que están ben enfocadas?

Non son gran coñecedora, porque en Escena Galega houbo moito traballo ao respecto, pero eu non estiven nas comisións que trataron iso, como si o meu compañeiro Xesús. Normalmente vou ao que me interesa a min traballar e xustificar. Si que creo que hai oportunidades para a xente que está comezando, e por outra banda vexo que as compañías seguen producindo unha vez ao ano. Iso non é interesante, hai que procurar distribuír moi ben o que se produce. E se callar apoiar moito esa distribución. Pero nesas axudas non se está acertando, pois podes conseguir levar o espectáculo a unha feira importante e quedar sen ese apoio, que é fundamental para poder saír.

“Precisamos facer as cousas desde nós"
Como chegaron á historia do enxeñeiro España e a curva na que se matou? Estabamos a darlle voltas ao tema das alternativas infernais. “Ou votas Trump, ou o que che vén é moito peor”, por exemplo. Así entras nunha disxuntiva na que non hai outra opción. Hai unha teoría que fala disto como algo preparado. Á parte, outro tema sobre o que fixeramos improvisacións era o de España, neste momento de patriotismo, con Vox a relucir. Con isto en mente, estabamos a facer Eroski Paraíso en Verín. Miguel viña desde Valencia e o taxista contoulle a historia da curva. Un señor morreu nunha curva que existe e chámanlle “Curva España”. O nome xa nos gustou como metáfora, despois fómolo encaixando. Non iamos facer unha historia do ano 1927 caracterizados de época, igual outra compañía o faría, pero nós precisamos facer as cousas desde nós, desde hoxe. Investigamos a historia e demos coa construción do ferrocarril, e aí vén ese traballo inxente de documentación que leva a cabo Xesús Ron, que non se ve, do que hai que descartar gran cantidade. Así chegamos á cuestión: como se constrúe un país? Como se constrúe o ferrocarril? Quen toma as decisións? Por que en Verín non hai ferrocarril, cando iso non ten ningún sentido? E isto é extrapolábel a calquera outro tema e a calquera outra zona, ao final sempre hai alguén que toma unha decisión. E cal é o resultado? A España baleirada. Verín, un sitio onde o comercio é practicamente escaso. Comentábame unha amiga que coñece a xente das inmobiliarias da zona que non se colgan todos os carteis de que se aluga ou se vende porque se non á xente caeríalle a alma aos pés. Iso é tristísimo. Que construíron para nós?

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 368 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios