XESÚS RON, DIRECTOR DE 'EROSKI PARAÍSO'

“Para nós sería un futuro desexable traballar en Santiago”

Chévere volve a Compostela devecendo por unha cidade que foi a súa durante 25 anos. E faino presentando a súa última produción, 'Eroski Paraíso', un espectáculo estreado en marzo que xa foi visto por 10.000 espectadores. Falamos co seu director, Xesús Ron. 

Eroski_Paraiso  00458 copia
photo_camera Escena de Eroski Paraíso, que estará no Teatro Principal de Compostela do 8 ao 11 de decembro

- Hai dous anos que vos deron o Premio Nacional de Teatro e semella que iso non vos cambiou moito. Agardo que polo menos vos abrira un pouco máis o mercado español, non?
- Tanto como mercado, eu non o diría [risas], pero si que é unha boa carta de presentación para que te reciban, que te atendan, pero programar programar, non houbo moito efecto aí. 

- Ben, 'Eroski Paraíso' si que a levastes por fóra. E pregúntome como a adaptades para o público non galego.
- Pois estreámola nunha feira de teatro en Donostia e estivo en Valencia nun festival itnernacional. E agora fixemos León e imos a Madrid unha temporada a Matadero Madrid, imos estar alí tres semanas. E non saíu ningunha outra cousa. E en canto á diferenza de presentalo aquí ou fóra, o intento que estamos a facer é presentar practicamente unha versión orixinal. En Madrid estamos facendo unha pequena adaptación, pero a idea é presentalo en versión orixinal con sobretítulos en español. Estamos apostando pola versión orixinal tamén porque a obra dramaturxicamente o permite, porque se plantexa coma unha especie de documental gravado en directo e para nós os sobretítulos tamén funcionan como un atrezzo cinematográfico. 

- 'Eroski Paraíso' é unha historia sobre o desarraigo vital dunha xeración, non?
- É unha historia que lle afecta á nosa xeración. Viamos que moita xente tivo necesidade de emigrar, neste caso a Canarias coa construción. Fálase do desarraigo de non vivir no sitio onde naciches, e un pouco do desarraigo lingüístico, como tamén se vai perdendo o uso da lingua, e mesmo da paisaxe, que non fomos quen de manter. Ten un certo pouso amargo, sobre todo a historia dos personaxes da obra, pero non deixa de ser unha comedia, que nós definimos como comedia documental, moi divertida para o espectador, pero digamos que falar do desarraigo para nós tamén foi un antídoto para non caer nunha visión nostálxica.

'Eroski Paríso ten un certo pouso amargo, sobre todo a historia dos personaxes da obra, pero non deixa de ser unha comedia moi divertida para o espectador"

- Tamén falades do desmoronamento do estado de benestar, pero para desenvolver a historia fixestes un proceso de investigación previo. 
- Todas as historias que saen na obra son recollidas de xente coa que fomos falando e que nos contou historias da súa propia vida ou do seu entorno, nas zonas de Muros e Mazaricos. É un espectáculo que se constrúe desde os personaxes a partir de historias reais que fomos recollendo nestas zonas, así que digamos que esta investigación foi máis un traballo de documentación, e logo porque collemos un feito real que é a historia da sala de festas de Muros que rematou convertida nun supermercado Eroski, que é un feito que se repite por toda Galiza. E serviunos para visualizar unha metáfora do que cambiou a sociedade para transformarse nunha sociedade de consumo. 

- E con esta historia volvedes a Santiago dous anos despois. 
- Si, a historia de Chévere e Compostela nos últimos anos foi un tanto extraña. Acabamos saíndo da cidade e non acabamos de volver. Para nós chegar agora con este espectáculo e estar catro días no Principal é unha especie de volta á casa, ou así a queremos entender, de maneira que de agora en diante poidamos ter unha relación normal coa cidade na que a compañía naceu e se desenvolveu e na que seguimos vivindo moitos dos que traballamos en Chévere. O ano que vén celebramos os 30 anos de que Chévere empezou a funcionar e parécenos que sería un bo momento para volver ter unha relación de normalidade coa cidade. 

O ano que vén celebramos os 30 anos de que Chévere empezou a funcionar e parécenos que sería un bo momento para volver ter unha relación de normalidade coa cidade. 

- Para vós que é unha relación de normalidade? Que tedes pensado?
- Pois poder traballar normalmente na túa cidade. Para nós non é normal que nos últimos cinco anos actuaramos dúas veces na cidade, e que un espectáculo non se puidera representar na cidade como foi a Ultranoite do País dos Ananos. Iso, poder participar da vida da cidade. E de cara ao ano que vén, gustaríanos poder facer algún acto de celebración aquí. 

- Gustaríavos volver ser unha compañía residente dunha sala na cidade?
- [risas] Entrando no de se nos gustaría, pois claro que si. Isto é en plan case como se foramos futbolistas, agora debémonos ao Concello de Teo, que é onde temos un contrato de residencia, onde estamos levando adiante algúns proxectos. E temos aí dous ou tres anos por diante de traballo para darlle continuidade ao proxecto alí. Pero si para nós sería un futuro desexable traballar en Santiago, que é a nosa cidade, e dispoñer dun espazo propio sería unha das vías de futuro para unha compañía como Chévere. Non sei se unha sala coma a Nasa, podemos imaxinar calquera cousa, pero creo que sería moi distinta ao que foi a Nasa, creo que non tería nada que ver. 

- Efectivamente, xa non sodes os mesmos de hai 30 anos, para ben e para mal, seguramente. Que poderemos agardar de vós para os vindeiros 30? Haberá relevo xeracional? 
- Pois mira, non o temos pensado, realmente [risos]. É moi difícil imaxinar o futuro e sempre estás vivindo non só no presente senón moitas veces no día a día, e nos custa ver o futuro máis alá dun par de anos. E o relevo xeracional nunha compañía cunha identidade tan marcada, cun carácter moi artesanal e moi pouco industrial, non sei eu... seguramente isto se extinguirá cos membros que seguen, pero nunca se sabe. O que si é que cada vez custa máis pensar en que é o que debe facer unha compañía que leva 30 anos de cara ao futuro. E non o vemos nada claro. 

E o relevo xeracional nunha compañía cunha identidade tan marcada, cun carácter moi artesanal e moi pouco industrial, non sei eu... seguramente isto se extinguirá cos membros que seguen, pero nunca se sabe. 

- Chévere sempre foi unha compañía aberta, con xente que entraba e saía. Por iso preguntaba se tiñades pensado dar entrada a xente nova mentres non se resolva o asunto este de vivirmos para sempre. 
- [risos] Se cadra as compañías teñen que ter unha biografía ligada ás persoas que están aí. Si é certo que sempre fomos dando entrada a xente máis nova, que hai unha relación bastante fluída coa seguinte xeración á nosa e agora estamos traballando cunha actriz de 23-24 anos, o ano pasado fixemos un obradoiro con actores e actrices novas... Entón si que hai esa idea de abrirse a novas xeracións, pero non tanto por dar unha continuidade no tempo á compañía, porque ao mellor chega o momento en que debe desaparecer. 

- E detrás de vós, vedes vitalidade e forza nas xeracións seguintes?
- Eu creo que si, que estamos nun bo momento para o teatro e para as artes escénicas en Galiza. Hai unha pluralidade de propostas, de poéticas e de maneiras de traballar que creo que é un síntoma de boa saúde, que haxa tanta diversidade. Aínda moitas delas están por consolidarse, a nivel de que poidan chegar ao público en condicións normais, é dicir, que hai unha oferta que está moi concentrada nun tipo de teatro. Pero a nivel creativo creo que hai unha gran diversidade de propostas, tamén en canto a disciplinas. No mundo da danza, que está nun momento bastante horrible, pero non por falta de creatividade, senón por falta de apoios públicos, e está todo o mundo do circo, os títeres, que sempre tivo moita importancia en Galiza, o teatro en versións que non teñen moito que ver co texto, que son máis cercanas ao traballo do corpo... creo que por aí hai moita vitalidade. Non sei se ten moito que ver con Chévere, pero desde logo a compañía sempre tratou de dar apoio, espazo a xente que empezaba a traballar. E nese sentido, a Nasa é un brazo que tivo moito que ver en todo isto. Ou agora, que creamos un espazo asociado que lle chamamos a Berberecheira, que é unha especie de criadeiro de proxectos escénicos aos que a compañía pode dar algún tipo de soporte. 

Creo que estamos nun bo momento para o teatro e para as artes escénicas en Galiza. Hai unha pluralidade de propostas, de poéticas e de maneiras de traballar que creo que é un síntoma de boa saúde

- Podemos falar entón de consolidación?
- Eu creo que o teatro en Galiza está moi consolidado, e iso é algo que fomos vendo ao longo de 30 anos. Agora mesmo é un sector moi dinámico e moi creativo. Foi quen de crear un tecido de empresas moi pequenas pero que algunhas delas están consolidadas. Ao mesmo tempo hai redes consolidadas, hai un público que se pode incrementar, pero que vexo que está consolidado. Non especialmente nas cidades, pero si nas vilas, e mesmo os festivais, que están en vilas de tamaño medio. Creo que se quedou un tecido bastante potente, aínda que sempre fráxil. E pasamos a crise destes anos, vese que conta cunha vitalidade bastante importante que debemos sinalar. E Chévere sempre estivo comprometido co sector escénico e cultural, e creo que algo fixemos e axudamos a consolidar este tecido. E unha cuestión que para nós sempre foi importante, que é o público, dános bastante retorno e confianza no presente e no futuro. Con Eroski Paraíso acabamos de chegar aos 10.000 espectadores e creo que é un síntoma que hai que salientar. É un signo de moita saúde. 

- Antes dicías que había moito teatro dun só tipo. A que tipo te refires?
- Quería dicir que hai unha diversidade grande, pero que quizais non se reflicte como se debería na oferta escénica que chega ao público galego, hai unha concentración dun tipo de teatro de texto, cun verniz de comedia, cun actor/actriz coñecido, de autores recoñecidos, etc. É un efecto de concentración que se dá moito en toda España e que ten moito que ver co teatro que se produce en Madrid. Pero si que é certo que en Galiza as compañías que traballan linguaxes máis fronteirizas ou que non traballan linguaxes baseadas no texto, máis desde o corpo ou desde o movemento, que son propostas que lle seguen a costar moito chegar ao público. E o mesmo lle pasa á danza. 

Chévere sempre estivo comprometido co sector escénico e cultural, e creo que algo fixemos e axudamos a consolidar este tecido.

- Agora tamén se cumpren cinco anos desde que pechastes a sala Nasa logo dun desencontro con Conde Roa. E hai un ano volvestes a Santiago para ter un encontro cos tres alcaldes das Mareas. Volveriades facelo?
- Si, foi no marco dunha Ultranoite programada pola asociación Cidade Vella no Feito a Man. E dalgunha maneira, cinco anos despois, esa Ultranoite viña poñer un peche a outra que se fixera no 2011, xusto despois de pechar a Nasa, que tivera o valor de ser a despedida daquel proxecto. Esta quería significar un pouco o contrario: pasar páxina a ese capítulo, e o de convidar aos tres alcaldes a participar nun número, que foi bastante unha brincadeira, tamén quería significar que eles estiveran alí non era simplemente porque representaran un partido político triunfador, senón porque houbo moita xente que quixo dar un apoio para que algo cambiase. Era un pouco rematar ese capítulo escuro que a nós nos tocara tan de preto. Non lle demos tampouco moito máis valor que o simbolismo de brincar cos alcaldes e coa cercanía que pode establecerse cunhas persoas que se debían aos cidadáns e ao público, que no teatro é o que representa aos cidadáns.