Elena Ferro, artesá: "As redes sociais son fundamentais, pero nunca deixamos de vender nas feiras"

Elena Ferro (Merza, 1975) criouse "entre zocos e feiras". O seu avó, Perfecto, deu vida en 1915 a un pequeno negocio artesán que máis dun século despois segue operativo. Baixo a marca Eferro, Elena mestura tradición e modernidade nos seus deseños para demostrar que os zocos son pasado pero tamén futuro; ao igual que as aldeas como Merza, que reivindica como lugar idóneo para emprender un negocio. "Hai que coidar o que nos dá de comer", di, e o mesmo criterio aplica á situación da lingua galega: "Se os nosos nenos e nenas non falan galego perderemos parte da nosa cultura".

A artesá Elena Ferro, no seu taller. (Foto: Arxina)
photo_camera A artesá Elena Ferro, no seu taller. (Foto: Arxina)

—En entrevistas anteriores en Nós Diario comentaba que naceu "entre zocos", xa que provén dunha familia de artesáns e artesás do zoco. Poderíase dicir que o interese pola artesanía, e en concreto polos zocos, é algo que a caracteriza practicamente desde que ten uso de razón.

Si, desde pequena de todo. Sempre digo que tiven a sorte de nacer nunha familia de artesáns, porque desde pequena sempre sentín esa paixón polas ferramentas e polos traballos coas mans. Penso que é unha sorte moi grande traballar no que che gusta, xa que pasamos unha parte importante da nosa vida traballando, e poder disfrutar diso paréceme moi importante; eu xa me criei entre zocos e feiras.

O meu avó [Perfecto Ferro], que morreu en 1968, antes de que eu nacera, foi o primeiro en aprender o oficio, en 1915. De feito, hai sete anos celebramos o centenario do taller e este ano tamén queremos facer unha foliada.

—Cando comezou no oficio empezou a desaparecer o zoco da vestimenta dos galegos e galegas.

Foi moi rápido, eu nacin en 1975 e ao pouco tempo, xa a finais dos 70, pouco a pouco os zocos foron desaparecendo. A xente empezou a usar outro tipo de calzado, sempre digo que a maior 'inimiga' son as katiuskas, un calzado flexíbel que non deixa pasar auga… Foi practicamente a morte dos zocos, mais o certo é que as katiuskas non eran a mellor solución, porque se estás todo o día traballando no campo, o pé quécese, queda a humidade e podes coller un catarro...

Hai doce anos 80% das nosas vendas eran marroquinaría e 20% zocos; hoxe é xusto ao revés

Pero si que o notamos. Antes ías á feira e había varios postos de zocos, e logo pasaron a quedar moi poucos. Xa nos anos 80 ás feiras de aquí, en Lalín, Agolada… só iamos nós e outro zoqueiro de Bermés; en oito ou dez anos, a xente foi cambiando de traballo porque non se vendía case nada. Nós comezamos facer outros traballos con coiro, como cintos ou carteiras, xa que non se vendían tantos zocos. Antes de 2010 vendiamos 80% de marroquinaría e 20% de zocos, e desde entón comezamos dar a volta e hoxe é xusto ao revés.

—Cando decidiu redeseñar os zocos co seu 'toque persoal'?

No ano 95 empecei a facer cambios nos zocos tradicionais. A frase que máis escoitei desde nena é "non quero ver máis zocos". A xente xa estaba moi aburrida, porque era unha das cousas que máis significaban pobreza. Iso fixo mella en min. Desde o 95 fun facendo cambios; sen éxito, pero aprendín moito, e en 2010 foi cando empezaron a encaixar e ter aceptación.

En moitos lugares do mundo onde hai climas parecidos ao noso usaron os mesmos materiais para protexer os pes. No norte de Portugal, na Bretaña, no norte de Italia… Diferéncianse polas formas. Aquí había que protexer os pes nos traballos do campo, que non deixase pasar auga.

O taller de Eferro fabrica perto de 8.000 pares de zocos por ano. (Foto: Arxina)
O taller de Eferro fabrica perto de 8.000 pares de zocos por ano. (Foto: Arxina)

—Que tipo de madeira é máis axeitado para os zocos?

Para os zocos non valen todos os tipos de madeira. A mellor é de bidueiro ou amieiro porque son moi limpas, lixeiras e compactas. A do piñeiro é porosa e pode deixar pasar a humidade. Esa é a función principal do zoco. Antes levaban máis madeira para que non se gastasen cedo, e agora leva menos porque interesa máis que sexan lixeiros. Fomos cambiando e foi o que tamén intentei facer eu, unha mestura da tradición, do zoco tradicional, con deseños modernos.

—Cales son as súas inspiracións á hora de elaborar os deseños?

Penso que ao final é en parte a miña visión estética, e tamén hai que ver as cores que máis se levan, porque á xente gústalle combinar. Seguir as cores e texturas que cada ano se van levando e a partir de aí facer combinacións o máis atractivas posíbel.

Nós non temos coleccións 'de temporada', imos facendo novos modelos e a xente vai vendo se lle gusta ou non, non todos os deseños funcionan. Por iso tamén deixamos escollelo á carta, e de feito son 50% dos zocos que vendemos.

A artesanía non encaixa coa moda rápida

—Ao fío desta cuestión, que opina, como artesá, da chamada 'moda rápida' e o consumismo?

Penso que a artesanía non encaixa coa moda rápida, porque o zoco non está feito rápido, senón coas mans e de forma máis pensada e con moito máis traballo detrás.

—Cantos pares de zocos chegan a fabricar nun ano?

Agora desde a pandemia baixamos o ritmo. Antes faciamos uns 8.000 pares ao ano; agora menos, pero a cifra aproximada sería esa.

—E canto tempo pode levar fabricar un par de maneira artesá?

Un só par, contando a madeira a pel e os demais materiais leva entre cinco e seis horas. Nós facemos uns dez pares de vez, e agora encargamos as madeiras a outro taller artesán que ten unha maquinaria mellor, e con iso tamén damos traballo a outros talleres para seguir avanzando.

—Cantas persoas traballan actualmente no seu taller?

Seis no taller e dúas na tenda da Coruña. E en Merza temos a nosa tenda-taller, unha aposta importante para nós. Queremos conseguir que a xente veña ao rural a mercar, non só ás vilas. Ten moitas vantaxes: aparcas no momento, podes ver unha paisaxe bonita e coñecer máis beleza do noso país... Foi un dos nosos retos e penso que o logramos, porque hoxe vén xente todos os días a Merza, que é un sitio precioso pero non de paso, hai que ir adrede, pero a xente marcha contenta e repite.

O avó de Elena Ferro, Perfecto, comezou no negocio en 1915. (Foto: Arxina)
O avó de Elena Ferro, Perfecto, comezou no negocio en 1915. (Foto: Arxina)

—Eferro ten unha gran presenza nas redes sociais, algo fundamental para calquera negocio a día de hoxe. Porén, antes comentaba que segue asistindo a feiras para vender, como facían os seus devanceiros.

Nunca deixamos de ir e aínda seguimos indo. Antes era o único modo de venda e tiñamos que facer moitas máis; agora imos menos. As redes foron importantísimas xa que foi o que nos axudou a facer marca, a que se recoñeza o noso, e para un taller artesán como o noso que a marca se recoñeza é moi difícil.

Acabeime aburrindo de pór só fotos de zocos e empecei a facer montaxes sacando os zocos de contexto e contando pequenas historias, con certa retranca. A xente empezou a compartilas e comentalas e fixo que cada vez fósemos medrando máis, e aí pasou de entretemento a traballo. Mais para min é unha válvula de escape, faime desconectar. E grazas a iso coñécenos moita xente, chegamos a sitios onde pensamos que non chegaríamos nunca.

Se non falamos en galego aos nosos nenos e nenas perderemos parte da nosa cultura

—O debate sobre o despoboamento rural segue a ser unha cuestión de actualidade. Considérase vostede un exemplo de que se pode emprender no rural?

Unha cousa positiva da pandemia, se a houbo, é que a xente viu as vantaxes de vivir no rural. Pódese traballar desde aquí, para calquera profesión. O que si hai que mellorar é a conexión wifi; polo demais, témolo todo. Podes emprender, traballar, teletraballar… facer todo, desde o meu punto de vista, moito mellor que nunha cidade. Temos que coidar o que nos dá de comer, para min é o mais importante.

E á lingua estalle pasando o mesmo que lle pasou ao rural e aos zocos, mais esperemos que remonte. Se os nosos nenos e nenas non seguen falando galego, perderemos parte da nosa cultura. Eu confío en que siga o camiño dos zocos, que vexamos que non temos que avergoñarnos e que é moi importante que os nosos nenos falen galego.

Comentarios