sábado 24/07/21

O Entremés famoso sobre a pesca do río Miño en Almagro

O certame, centrado, sobre todo, en obras do XVI e XVII semellaba propicio para acoller un dos poucos textos teatrais deste período que se conserva en lingua galega: A Contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río do Miño, de Gabriel Feixóo Araúxo
entremés almagro
(Foto: Festival Almagro)

O Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro abreu de novo as portas ás compañías e ao público, con Portugal, nesta ocasión, como país convidado. Entre as propostas escénicas figuraba, nos días 2 e 3 de xullo, unha co-produción entre a Companhia de Teatro de Braga e o Centro Dramático Galego, estendendo unha vía de colaboración entre as compañías galegas e portuguesas, que xa ten dado algúns froitos substantivos nas últimas décadas.

O certame, centrado, sobre todo, en obras do XVI e XVII semellaba propicio para acoller un dos poucos textos teatrais deste período que se conserva en lingua galega: A Contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río do Miño, de Gabriel Feixóo Araúxo. Se Vidal Bolaño, no seu Mar revolto, remontou as augas internacionais do Atlántico para poñerlle letra á música das co-producións transfronteirizas que soaban no inicio do século, a CTB e o CDG afunden, agora, as redes nas augas fluviais miñotas, para contar e cantar as nosas historias comúns, como carta de presentación neste festival, que reúne dramas de Shakespeare, Calderón ou Lope de Vega.

Con todo, por que representar un texto clásico no século XXI? Esta é a pregunta que formula, desde o escenario, Fran Núñez, actor e director artístico da montaxe. Confeso que, cando souben do proxecto, máis que o por que, intrigoume o como. Como se materializaría escenicamente este texto breve, de importancia histórica capital, pero de alcance dramático limitado? A resposta obtívena na estrea ao longo dos oitenta minutos que dura o espectáculo, no que se fala sobre fronteiras, recursos ou disputas, acollendo o espírito da contenda e actualizándoa á sensibilidade artística, política e cultural dos nosos días. A conxugación de metateatro, música (liderada pola voz e actuación do fadista Paulo Bragança), coreografía e humor posibilitan este entremés pop e contemporáneo de case hora e media.

De modo que o tam tam, de coiteladas sobre o peixe ou do fluír das convulsas augas da raia, soou durante dous días sobre a vila manchega. Almagro respira, durante o mes de xullo, teatro por todos os cantos, imantados polo seu corral de comedias, o único que se conserva en toda a península, dos moitos que se construíron ao longo de finais do XVI e XVII. Os corrais posibilitaron a profesionalización do teatro, convertérono nun espectáculo de masas e descubriron o público, como categoría. Ese público -que Lope pretendía conquistar a través do aplauso vulgar, a contramán dos preceptos clásicos- será, de novo, quen acreditará a fortuna desta montaxe -durante o seu percorrido nos teatros galegos e portugueses-, que decorre ao ritmo das cantigas da peza: Sou do Minho, sou do Minho...

comentarios