Enrique Macías, coeditor de Malmequer: "Os seráns son festas de contacto, poderá haber limitacións, mais volverán coller forza"

Henrique Macías
photo_camera Henrique Macías

Quen non estivo nun serán non pode imaxinar como é. A festa actual ten pouco que ver coa tradicional mais colleu entidade propia a partir da vontade de veciñas e veciños das comarcas do sur a finais dos anos 90. Enrique Macías e un grupo de amizades seguiron estas festas e fixeron unha axenda que serviu de inicio, hai quince anos, para que crear o blogue Malmequer, un lugar onde saber onde e cando son estes encontros. A pandemia interrompe a tempada e todos tiveron que suspenderse. Volverán, se a Covid-19 deixa, en setembro.   

Como nace Malmequer?

Comezou a partir dun grupo de amigos aos que nos gustaba moito a música tradicional. Estabamos aprendendo nos concertos, nas foliadas, nos seráns e empregabamos unha axenda propia para ir aos lugares onde había música en directo. A partir desa anécdota, moitas amizades comezaron a preguntarnos onde habería actuacións e querían ver esa axenda. Foi o xermolo do blogue que levaría o nome do noso grupo nos seráns. Ao final foi evolucionando e rematamos por compartir tamén cursos e clases de música tradicional.   

O máis difícil foi atopar a información da axenda?

Foi, si. A única información que había dos seráns era na propia festa, cando a organización doutros seráns anunciaba o seu no escenario. A xente que estaba aí nese momento informábase, quedaba nun círculo moi reducido. Logo comezamos a recibir correos electrónicos coas datas e os cartaces das convocatorias. É curioso que Malmequer serviu tamén, dalgunha maneira, para que non coincidisen uns seráns con outros e iso foi de agradecer.

Podemos dicir que estas festas medraron nos últimos anos?

Hai de todo. Están os seráns clásicos e outros que viron que era un evento interxeracional que funcionaba. Comezaron a nacer novos e houbo un crecemento moi grande, mesmo en zonas onde non había, e co nome de foliadas. O segredo é que é unha festa onde a xente baila e toca, está aberta a todo o mundo.

É importante que a súa organización sexa veciñal ou a través dunha asociación?

Si claro, a organización sempre parte de colectivos veciñais ou organizacións culturais das parroquias. Si é certo que hai casos nos que contan co apoio loxístico ou económico dos concellos en temas de infraestrutura ou gastos. 

Que teñen en común?

A intención e o funcionamento. A intención é pasalo ben, sobre todo ás persoas que lles guste a música tradicional, xuntarse desde xente nova até máis maior. Moitas van para tocar, outras para bailar ou para gozar co ambiente. 

Chegan a ser un elemento de transmisión de parte dunha tradición?

Serven para transmitir para que servía a música tradicional. Era para divertirse, mais xa non existe a transmisión dos cantos. Antes cada zona tiña o seu estilo, as súas coplas e agora todo está máis mesturado. É moi difícil manter as maneiras de tocar dun sitio. A música tradicional está tan espallada que nun mesmo serán podes asimilar cantos ou pezas doutras zonas. Por outro lado a maioría da xente non aprende nos seráns. Está en cursos de asociacións e logo tocan nos seráns sen máis interese que facer que a xente baile.   

Como será o futuro dos seráns con esta situación actual de pandemia?

Cando comezou a pandemia foi de súpeto e colleunos a todos por sorpresa. Houbo quen avisou de que se adiaban e outros de que xa non habería até o ano vindeiro. Veremos se poden volver en 2021. Os seráns son festas de contacto, social, na que estás no escenario ou bailando. Agora mesmo é algo que por cuestións sanitarias sería moi difícil de organizar.

Os seráns comezarán en setembro e veremos. Iso si, continuarán. Están moi introducidos nas parroquias e hai moita mocidade nas organizacións. Poderá haber limitacións, mais volverán coller forza.

Comentarios