Un encontro de arqueoloxía busca a visibilidade das investigadoras

O CISPAC da Universidade de Santiago de Compostela e o INCIPIT do Consejo Superior de Investigaciones Científicas,  organizan un encontro que permitirá divulgar e difundir proxectos de investigación arqueolóxica de toda Europa nunhas xornadas científicas e divulgativas.
O foro no que participan unha quincena de investigadoras e arqueólogas ten como  propósito principal contribuír á posta en común dos diferentes proxectos de investigación que están a ser desenvolvidos por mulleres neste campo.
photo_camera O foro no que participan unha quincena de investigadoras e arqueólogas ten como propósito principal contribuír á posta en común dos diferentes proxectos de investigación que están a ser desenvolvidos por mulleres neste campo.

Entre esta cuarta e a quinta feira, o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) da Universidade de Santiago de Compostela e o Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT-CSIC) acollen o Encontro de Novas Investigadoras en Arqueoloxía Romana e Medieval.

A presenza das mulleres no ámbito da investigación do tránsito entre o mundo romano e a Idade Media foi en aumento. Non obstante, co paso das etapas o teito de cristal faise presente impedindo que moitas sigan coa súa carreira profesional e científica. En todas as ramas da arqueoloxía, moitas optan polo privado e outras por abandonar a carreira investigadora.

O tema que ocupa o Encontro, a cronoloxía que vai desde o Imperio romano até os séculos da baixa Idade Media, estivo profundamente vinculado ao xénero masculino. Se facemos un exercicio de reflexión sobre quen domina a materia, o número de mulleres presentes nesa lista redúcese debido fundamentalmente á falta de visibilidade.

Espazo de reunión

Desde a organización salientan que a importancia do encontro reside na variedade de mulleres que participan xa non só nas temáticas e especialidades das participantes (arqueólogas, historiadoras, antropólogas...), mais tamén na súa heteroxeneidade en canto a niveis formativos e profesionais.

O encontro busca ser ese espazo de reunión entre as investigadoras que traballan neste campo, cunha perspectiva arqueolóxica. O obxectivo fundamental é poñer en común os diferentes proxectos liderados, custodiados e emerxentes que levan a cabo mulleres de toda Europa co fin de compartir experiencias, resultados, dificultades e retos aos que se tiveron que enfrontar.

Comentarios