xoves 16/09/21
A Xunta non detectou un caso de intrusismo na convocatoria

A empresa dunha condenada por estafa recibe da Xunta da Galiza 30.000 euros en axudas para traducións

A falta de control na concesión das axudas da Xunta da Galiza á tradución de textos literarios provocou que unha empresa dada de alta pouco antes da convocatoria por unha muller condenada por estafa fose a segunda máis beneficiada na convocatoria destas
subvencións. As editoriais galegas insisten en que advertiron do risco.
A falta de control da Xunta abre as portas á picaresca na convocatoria de axudas á edición.
A falta de control da Xunta abre as portas á picaresca na convocatoria de axudas á edición.

A primeira vista podería parecer o argumento dunha novela de Patricia Highsmith, mais a realidade é sempre máis mesquiña que as novelas e as películas de Alain Delon. Como unha estafadora pode infiltrarse no mundo cultural e recibir subvencións da Xunta de Galiza é algo que non atopa demasiada explicación nos nosos días, mais iso é exactamente o que sucedeu. 

A recente resolución da convocatoria de Axudas á Tradución da Xunta de Galiza espertou o rexeitamento das editoriais que, como publicaba Nós Diario o pasado día 17 de agosto, indignábanse ante o feito de que o groso das axudas se dirixan a traducir obras do castelán ao galego, a financiar até tres traducións diferentes da mesma obra ou a primar o volume das obras sobre a súa calidade literaria. 

A convocatoria da Xunta non tivo en conta o currículo dos tradutores, nin o idioma de partida (puntuaba igual unha obra traducida desde o castelán que outra cuxo orixinal estivese escrito en eslovaco ou coreano). 

En convocatorias anteriores esixíase ter publicado un mínimo de dez títulos en galego nos dous anos anteriores ou, no seu defecto, un plan de edición para os catro anos seguintes. Tamén se ten pedido para acceder ás axudas un plan de distribución declarado xunto coa ponderación da súa viabilidade. Nesta ocasión, non se comprobou ningún destes requisitos, que demostran unha mínima traxectoria na edición en galego, ou, polo menos, unha mínima experiencia. En resumo, non se lles esixía ás empresas postulantes que demostrasen profesionalidade. E iso pode dar lugar a sorpresas desagradábeis.

A Xunta de Galiza vén de concederlle unha axuda para traducir a práctica totalidade do seu catálogo, malia que a empresa se constituíu hai un ano

Condenada por estafa 

A Editorial Tegra, por exemplo, foi a segunda empresa máis beneficiada polas axudas a tradución deste ano, e recibirá 30.147 euros para traducir desde o castelán dezanove títulos cuxos méritos literarios son descoñecidos para o mundo cultural galego. 

No catálogo que exhibe Tegra na súa páxina web hai vinte libros, un en galego e dezanove en castelán. É dicir, a Xunta de Gaiza vén de concederlle unha axuda para traducir a práctica totalidade do seu catálogo, malia que a empresa se constituíu hai un ano: o día 29 de agosto de 2020, segundo consta no Rexistro Mercantil de Ourense. 

En 2013, foi condenada a tres anos de prisión por un delito de estafa cometido en 2007.

Mais aínda hai outros elementos que deberían espertar algunha suspicacia cando se trata de asignar recursos públicos: a administradora da Editorial Tegra é M. J. S. R. unha empresaria que procede da construción. En 2013, foi condenada a tres anos de prisión por un delito de estafa cometido en 2007. Naquela altura, comprometeuse a realizar unhas obras nun xeriátrico que nunca chegou sequera a iniciar, o que non foi obstáculo para que quedase con 82.850 euros que recibira por adiantado. 

Naquel mesmo ano, M. J. S. R. ofreceulle a unha veciña de Ourense a instalación dunha cociña por 8.000 euros. Despois de cobrar 4.000 por adiantado, trasladou uns mobles á vivenda e pediulle á muller os outros 4.000. A clienta, pensando que a obra estaba iniciada, entregoullos, mais aos dous días decatouse de que os mobles e a empresaria desapareceran. Nesta ocasión, a acusada non puido ser condenada porque, por un error xudicial o delito prescribira cando finalmente chegou ao xulgado do penal. 

A pesar de todos estes antecedentes, a Xunta non detectou ningún elemento de sospeita e procedeu a concederlle a axuda solicitada a Tegra. 

Un sector onde todos se coñecen 

Por outra banda, a falta de filtros que propicia estes episodios non son novos nin descoñecidos para os editores, aínda que cren que a solución está nas mans da Xunta. “A Consellaría coñece perfectamente cales son as empresas que traballan con seriedade”, declaraba Henrique Alvarellos, presidente da Asociación Galega de Editores, hai uns días a Nós Diario. “Na AGE estamos asociadas 42 editoras, todas elas cun perfil ben claro e transparente. Se algunha empresa que non forma parte deste núcleo recibe subvencións é porque a Xunta non quixo ver o que sucedía: xa sexa por desleixo ou por calquera outra razón, deberían detectar que algo estaba pasando. Que sucedan este tipo de cousas é lamentábel”.

As traducións de autoras galegas que escriben en castelán xogan con vantaxe

O de Editorial Tegra non é o único caso de intrusismo que se pode detectar no resultado da convocatoria para as axudas á tradución. O Instituto para el Desarrollo Educativo y Cultural, unha academia que se dedica a dar clases particulares e ao que non se lle coñece actividade editorial previa, recibirá 13.435 euros para traducir tres volumes de contos de Emilia Pardo Bazán. 

Ao xuntar as axudas á importación (tradución de textos noutras linguas ao galego) e á exportación (a tradución de textos galegos a outras linguas) a convocatoria outorga máis puntuación se o orixinal é dun autor galego, quizais para activar a exportación das nosas letras. Mais o resultado é que algúns dos máis beneficiados son proxectos que traducen ao galego obra de autores da Galiza e que escriben en castelán, como é o caso da Pardo Bazán.

A empresa dunha condenada por estafa recibe da Xunta da Galiza 30.000 euros en axudas...
comentarios