Narciso de Gabriel, autor de "Elisa e Marcela. Amigas e amantes"

"Elisa e Marcela son xente do común que nun momento tiveron unha enorme repercusión mediática"

O catedrático de Historia da Educación na Universidade da Coruña volve publicar unha obra arredor da historia de Elisa e Marcela, á que chegou de casualidade mentres investigaba os procesos disciplinarios do maxisterio galego durante os séculos XIX e XX. Nesta obra, publicada por Xerais, ademais de contar o relato deste matrimonio pioneiro, faise unha análise pormenorizada do proceso xudicial ao que tiveron que enfrontarse as dúas protagonistas e da repercusión pública na prensa galega, madrileña, portuguesa e bonaerense.

 

Narciso de Gabriel
photo_camera Narciso de Gabriel

Cales foron os motivos polos que quería contar esta historia?

Animeime a estudar o caso porque era unha historia singular. Nunca atopara un expediente disciplinario a mestras da Galiza nas que se dese esta circunstancia. Como había poucas fontes dispoñíbeis, tiven que ir recollendo datos da prensa e algúns dos arquivos para poder reconstruír a súa traxectoria.

Que dificultades se atopou á hora de documentarse?

A historia reconstruíuse até onde se puido, segue a haber bastantes lagoas. A documentación fundamentalmente tiven que recollela da prensa, que fixo unha cobertura moi pormenorizada da historia. A partir das reportaxes e crónicas que se foron publicando, comezamos a fiar a historia e tamén atopamos algo de documentación existente no Arquivo Histórico Universitario de Santiago e tamén da de Alcalá de Henares. Como o segundo escenario onde localizamos a Elisa e Marcela foi en Portugal, alí tamén demos con algo de información a respecto dos documentos nos que se solicitaba a extradición a España. Alí, no Arquivo do Ministério dos Negócios Estrangeiros, foi onde atopei a fotografía da parella que lles fixera Sellier na Coruña. Esta fotografía ten un labor moi importante en toda esta historia porque nos permite coñecer como eran as dúas mulleres. No caso das fontes persoais, si que visitei Dumbría mais a xente non lembraba moito, entón non eran testemuñas moi fiábeis.

"Despois do proceso xudicial, volveron ao anonimato"

No libro explica que a partir da súa emigración á Arxentina, xa non se sabe nada máis delas. Por que non hai ningún rexistro ou por que deixou de interesar á prensa a historia?

Nesta nova edición, publicada por Xerais, hai un epílogo onde se contan unhas novas que me chegaron recentemente e que polo tanto non estaban no anterior libro publicado por Nigra Trea. Puxéronse en contacto comigo unha bisneta de Marcela, o que axudou a esclarecer o percorrido deste matrimonio na Arxentina, e tamén unha parente de Elisa. É difícil reconstruír toda a súa historia porque ao final son xente do común que nun momento se viron envoltas nunha enorme repercusión mediática mais cando se calmou todo, deixaron de chamar a atención. O caso que converteu un matrimonio de dúas mulleres nun matrimonio sen home na Arxentina só chamou a atención a partir da denuncia de Jensen, o novo marido de Elisa. Despois do proceso xudicial, volveron ao anonimato.

Foi difícil decidir cal era o xeito máis adecuado de contar esta historia?

Para min foi algo que se veu cociñando. Eu tiña claro que contar a historia era o primeiro, mais tamén había que analizar a repercusión que tivera porque a prensa de todas partes interesárase moito e foi un caso internacional. Ademais, penso que era necesario interpretar esta historia, ver o significado que tivo e para iso, na primeira versión do libro, publicada en 2011, hai unha segunda parte onde se analiza a historia desde varias perspectivas: o travestismo, o hermafroditismo, o lesbianismo e o feminismo. Nesta segunda versión, esta parte sintetizouse e converteuse nun único capítulo que chamamos "Amigas e amantes" e que dá o subtítulo á obra. Pero para esta versión pareceume moi importante tanto o resumo do proceso xudicial como contar coas testemuñas da Arxentina recentemente introducidas.

"No século XIX ou no XX non teño constancia de ningún matrimonio destas características"

A Panadaría levou a historia ao teatro e Isabel Coixet xunto con Netflix ao cine e mesmo se está a facer un tour pola cidade da Coruña. Hai unha moda arredor de Elisa e Marcela?

Hai un interese por ser un caso moi singular. Se nos remontamos ao século XVI, si que hai outro caso semellante mais no XIX ou no XX non teño constancia de ningún matrimonio destas características. Penso que o feito de que no Estado español se aprobase en 2005 a lei do matrimonio entre persoas do mesmo sexo, sendo neste senso un país pioneiro en Europa e no mundo, fixo que esta historia suscitase máis interese porque dalgunha maneira constitúe un precedente.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios