Máis

Os Eidos, meca da cultura

Nas xornadas conflúen cine, música e poesía
Casa Museo Novoneyra Capa
photo_camera A casa-museo Uxío Novoneyra é un dos escenarios principais do festival dos Eidos. / María Piñeiro

A cultura galega celebra desde o 25 até o 27 de agosto unha das citas máis sinaladas no calendario. O festival dos Eidos, en Folgoso do Courel (comarca de Quiroga) reúne cada verán algúns dos nomes máis brillantes do panorama literario, musical e cinematográfico galego.

Este ano poderase visitar a exposición fotográfica Onde só queda alguén pra aguantar dos nomes, obra de Federico G. Cabezón. A serie comparte título cun libro editado por Noitearenga, autoría de Uxío Novoneyra, Federico G. Cabezón e Emilio Araúxo.

A exposición consiste nunha serie de 30 fotografías sobre a vida dos últimos labregos do Courel. Federico G. Cabezón documentou nestas imaxes dos anos noventa os últimos poboadores que traballaron a terra na serra do Courel.

No aspecto musical, os nomes que inclúe esta edición son: Os Resentidos, Radio Océano, A Faia do Ponto, Xackal, Rhome e Río Lagares.

Un dos principais atractivos da celebración deste ano é a homenaxe que se renderá a Carlos Oroza polo centenario do seu nacemento. O poeta finou en 2015, pero é considerado como unha figura mestra da poesía,  coñecido principalmente pola interpretación e reinterpretación da súa propia obra.

O cine é outro dos ingredientes imprescindíbeis do festival. O sábado ás 16.30 horas o director da película Zumiriki, Óscar Alegría, e o crítico de cine Xosé Manuel Sande estabelecerán un diálogo sobre o filme.

Nesta cita non pode faltar a poesía. Chus Pato, Eva Veiga, Ana Romaní, Marina Oroza, Antón Reixa e João Barrento deleitarán o público coa súa verba e coa súa calidez.

Comentarios