As editoriais apostan polo agasallo duplo para crianzas: libro + cd

O agasallo é duplo mais nun produto único. Libro máis cd. O formato imponse na oferta editorial para estas festas dedicada á cativada. Desde sons tradicionais até propostas innovadoras. Pablo Díaz, Xurxo Souto e Lalo Carnota, Uxía, Xiana e Xosé Lastra, Mamá Cabra, Luís Prego, Suevia Sobral  ou Migallas teñen novidades para ler, escoitar, xogar e bailar. 

   Os catálogos editoriais estanse a encher de discos-libros, un formato novo que se impón con forza na oferta para infantil e no que se están a comprometer tanto persoas do mundo da literatura como grandes nomes da música que atravesaron a barreira para se achegar a un público de menor idade, como Uxía -que se iniciou cun exitoso “María Fumaça” para continuar logo con “Rosalía pequeniña”- ou Magín Blanco que despois de dous discos cunha nena, un grilo e un barquiño como protagonistas anuncia xa o que será o seu próximo traballo dedicado a bebés. Recollemos unha escolma das novidades editoriais en discos-libros, algúns recén saídos para agasallar nestas festas. 

“A Terra Queima”, de Xurxo Souto e Lalo Carnota (Xerais) 

A historia é de Xurxo Souto, a música de Lalo Carnota, Sesé Barreiro pon as ilustracións e a fotografía xurde da cámara de Xulio Rey. Das súas mans nace A Terra Queima (Xerais) un libro-CD no que todas as linguaxes conflúen para construír unha historia que se le e se escoita, que sabe a terra e mar e transmite a enerxía que agocha a natureza. 

Antón, un rapaz das Lagoas, é o protagonista que Xurxo Souto crea para achegar á rapaciada a unha historia de misterio, a resolver un enigma descomunal. Na aldea de seus avós, Lardeiros, un corvo de nome Roque pídelle axuda para atopar a solución a unha cuestión en aparencia complexa mais que ten as claves próximas, na contorna do mar que está á beira e que garda tantos misterios nos seus cons. Convida Xurxo Souto a visitar un roteiro singular, a través dunha ampla xeografía. O cerne estará na paisaxe que deseñan as pedras percebeiras que rodean á Torre de Hércules, todas con nomes sonoros, a Longuiña, O Grelle, Sogadoiro, As Eiras... que compre coñecer de querer atopar a solución ao crucial enigma.  O conto de Xurxo Souto ten banda sonora que bebe tamén dos sons do mar e a natureza. “As veces buscamos moi lonxe o que temos diante dos fociños”, dille a Antón o home mariño e esa é unha das leccións de A Terra Queima, o fascinio pola forza da natureza que nos rodea e a querenza polas nosas orixes. 

                  

“Toc toc” para entrar no universo de Pablo Díaz  (Galaxia)

Con Toc toc (Galaxia) atravésase a porta que vai dar ao universo de Pablo Díaz. Música para cantar e bailar nun disco-libro que nos achega a un mundo alegre no que mesmo os animais poden chegar a formar unha orquestra. Toc toc rima con rock, con pop e con folk, di Pablo Díaz. E por algo será. 


Do achegamento de Pablo Díaz á música tradicional, nace o “substrato” de moitas das cancións e mesmo algún romance ao que el lle imprime a marca propia como acontece con “O piollo e a pulga”. Os inicios están na creación de música para contar historias en actividades que desenvolvía en colexios e centros de ensino. Así naceu Tic toc, o seu primeiro disco (Kalandraka) que foi moi ben recibido polo público infantil. 

                                


Uxía: “Rosalía pequeniña” (Galaxia)

Rosalía pequeniña sería hoxe, como daquela, unha nena guerreira, gustaríalle o rock tocado con gaita e vestiría de punki”. Así presenta á autora de “Cantares Gallegos” a escritora Begoña Caamaño no limiar que abre o disco-libro no que Uxía ofrece novos ritmos para que as crianzas canten á poeta. Recolle os seus poemas nun amplo abano de ritmos, desde a muiñeira ao rock. 

Uxía contou para este traballo coas voces de Sés, Guadi Gallego, a Señora Carme ou Aline Franzao, os arranxos de Sergio Tannus, os sons de Isaac Palacín, Benxamín Otero, Pablo Seoane, Santi Cribeiro ou o propio Magín Blanco. “Como chove miudiño”, “Has de cantar” “Paseniño”, “Miña santiña, miña santasa”, “Alborada” ou “Maio longo” son algúns dos poemas musicados nun disco que inclúe tamén unha recreación do poema de Curros dedicado a Rosalía.

                     

Xiana e Xosé Latra A miña primeira Rosalía (Xerais)

A miña primeira Rosalía (Xerais) xunta un amplo grupo de artistas que van desde María Manuela -que tamén ilustra o libro CD-  a Mini e Mero, Rodrigo Romaní ou Nani García, coordinados por Xosé e Xiana Lastra. O traballo xunta biografía, antoloxía e doce poemas musicados e cantados, entre eles, “O forno está sin pan”, “Vente, rapasa”, “Tecín soia”, “Negra sombra”, “A xustiza pola man” ou “Máis o que ben quixo un día”. 

                                        


Pan de millo, a música saída do forno de "Migallas" (Kalandraka)

Pan de millo (Kalandraka) naceu devagar e a lume morno, como o bo pan do que non queda nin as migallas. Co arrecendo inconfundíbel da panadaría pontevedresa de María Campos e Carlos Yus, Migallas.

Desde aquel Canta connosco! de 1996,  Migallas non tiña publicado ningún disco máis aínda que a  música continuou a fluír nos seus espectáculos, no seu encontro constante cun público infantil co que empatizan de maneira especial. Magoia Bodega e Paulo Nogueira de Treixadura -intérpretes e autores dos arranxos- e os músicos Alberto Giadanes, Begoña Riobó, César Longa, Pancho Álvarez ou Segundo Grandío, e a ilustración de Dani Padrón forman parte do equipo de Pan de Millo. 

Un feixe de cancións de arrecendo propio, desde os tradicionais “O piollo e a pulga”, “O tiroliro” , “O moucho” ou “Que cousa, cousiña é?” até os novos “As actividades”. “Pinocho” e “Pan de millo”. 

O meu marabilloso sombreiro, o encontro galego-xaponés (Edicións do Cumio) 

O libro publícase en dúas linguas, mais case ninguén poderá acceder a unha delas. Para a maioría de crianzas, pareceralles parte da ilustración. O meu marabilloso sombreiro (Edicións do Cumio) de Akiko Ishihara chega ás librarías grazas a Suevia Sobral, unha ponte coa cultura xaponesa. Canda o libro trae CD, tamén en xaponés e galego.

O conto ten a estrutura dun relato tradicional mais é de nova creación. Akiko Ishihara tiña idea de que a cativada xa só se sentían próximas de videoxogos e Shin Chan mais quedou sorprendida cando no seu país se publicou unha listaxe de cancións preferidas e a maior parte delas eran do seu tempo, de cando era nena, é dicir, de hai cincuenta ou sesenta anos. Con ese dato comezou a escribir, un conto como os de antes, no que os animais son os protagonistas e un sombreiro marabilloso roda de man en man. Seis animais dan pé a seis cancións que forman parte do CD incluído no volume.Se Suevia Sobral é autora de ilustración e tradución, Akiko Isihara non só escribe o texto senón que tamén canta, na gravación que chegou desde Xapón na que tamén participou a música Sayo Sugioka para completar coa versión galega, un proxecto de Vítor A. Castro coa voz de Montse Ogando.

                             


 

Xogos Musicais, con Luis Prego (Edicións do Cumio)

Cantar para xogar, para aprender, para se sentir ben. Desde que están no berce, cantaruxar cancións que quedarán toda a vida na memoria, como banda sonora inesquecíbel da infancia. Luís Prego ofrece en Xogos musicais  unha colección de primeiras pezas para cantar coa cativada.

Que as crianzas canten sen lle dar ao play. Esta é a proposta de Luís Prego, e para iso elaborou Xogos musicais, un volume con CD no que ofrece 38 temas para aprenderlles a cantar, a xogar e a bailar con música propia. Sen darlle ao play significa que alguén ten que cantar por vez primeira, para que logo, por medio de repeticións, sexa a propia cativada a que saiba ao dedo letras e melodías. O libro está, pois, dedicados a maiores, nais e pais, que, a maior parte das veces, perderon o costume da canción e tenden máis a tirar de mp3 que a entoar os temas infantís. 

                                 


Mamá Cabra escriben de novo Cartas que veñen e van (Galaxia)

Gañadores do Premio Galego da Música no apartado infantil, Mamá Cabra é, sen dúbida, un dos referentes para o público de menor idade, con discos que se converteron en éxito de vendas algúns especialmente dedicados a estas festas. Desta volta, Galaxia recupera un libro-cd que xa saíra publicado nun formato singular mais que era xa difícil de atopar. Non é a primeira ve que o selo de Vigo publica a Mamá Cabra, sen dúbida, unha aposta segura para estes tempos. O polo Pepe, Papa Noel, a mamá loba e o lobiño, a ratiña ou a vaca Sofía son algúns dos personaxes desta entrega coa que entrarán ganas á cativada de poñerse a escribir cartas. 

                                       

Comentarios