A sexta edición do ciclo 'Dramaturxias itinerantes' chega a Vigo

O Consello da Cultura Galega (CCG), a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia e a Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo (ESMAE) de Porto, en colaboración co Camões-Centro Cultural Português de Vigo, presentan unha nova edición de Dramaturxias itinerantes.
Paula Carballeira, unha das protagonistas do encontro.
photo_camera Paula Carballeira, unha das protagonistas do encontro.

O ciclo Dramaturxias itinerantes, que busca promover un maior coñecemento sobre a escrita teatral feminina máis contemporánea da Galiza e Portugal, suma a súa sexta edición cun encontro escénico protagonizado por Paula Carballeira, premiada dramaturga e narradora oral galega, e mais por Sofia Santos Silva, destacada creadora escénica portuguesa. A través da lectura dramatizada das súas obras Ubasute e Another rose, respectivamente, abordaranse en profundidade temas como o abandono e a irmandade. Após as representacións, haberá unha conversa coas autoras moderada pola dramaturga e profesora da Escola Superior de Arte Dramática de Galiza Vanesa Sotelo.

O programa

O programa ábrese coa lectura dramatizada de Another rose, peza escrita por Sofia Santos Silva, dirixida por Cláudia Marisa e interpretada por Ariana Santos, Constança Antunes, Filipa Araújo e Margarida Bezerra. A obra propón un encontro na distancia co grupo activista Gulabi Gang, con sede no estado indio de Uttar Pradesh, que foi fundado por un grupo de mulleres como resposta á violencia sistemática e á discriminación xeneralizada que estas sofren nunha sociedade patriarcal que banaliza a violencia sobre o xénero feminino. 

A peza chama a atención sobre a importancia da irmandade, independentemente do contexto e da realidade social, como medio para construír espazos de resistencia contra aqueles actos que prexudican a especificidade de cada corpo. 

A segunda das obras é Ubasute, na que Paula Carballeira trata o tema do abandono. Así, percorre as diferentes maneiras que hai de deixar para sempre algo, alguén ou incluso de abandonarse a un ou a unha mesma. Tamén aborda a dificultade de apartar os recordos e o sentimento de culpabilidade, malia que se opte por cambiar de espazo como estratexia para distanciarse deles. 

Dirixida por Nuria Montero coa colaboración de Roberto Vázquez Fernández, Inés Gómez Queiruga e Nicole Babarro Gallego, a peza ten como intérpretes a Raquel Cabañas, Carlos Galán e Telma Pazo. A sexta edición de Dramaturxias itinerantes comezou onte, no Teatro Helena Sá e Costa do Porto, e repite esta cuarta feira, ás 17.30 horas, na Escola Superior de Arte Dramática, en Vigo.  

Comentarios