A dramaturga Esther Carrodeguas, protagonista do 'Sermos Galiza' desta fin de semana

O psiquiátrico de Conxo durante o franquismo e ManuelMoldes tamén fan parte do semanario
Detalles do Sermos Galiza desta fin de semana (Foto: Nós Diario).
photo_camera Detalles do Sermos Galiza desta fin de semana (Foto: Nós Diario).

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana. Desta vez a protagonista é a dramaturga Esther Carrodeguas.

Nunha entrevista feita por Manuel Xestoso, este explica antes da conversa coa artista que “Iribarne, o espectáculo escrito por Esther Carrodeguas e posto en escena por ButacaZero, a súa propia compañía -en coprodución co Centro Dramático Nacional e a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia-, vén de estrearse na Galiza despois de estar cinco semanas en Madrid co teatro cheo todas as noites”.

Tolas no franqusimo

Abre este número do Sermos cunha reportaxe sobre o Psiquiátrico de Conxo (Compostela) elaborada por Montse Fajardo e as mulleres que alí foron fechadas durante a ditadura de Francisco Franco.

"O silencio cara ás vítimas do franquismo, e nomeadamente ás mulleres, foi aínda máis fondo para quen padeceron enfermidades mentais ou foron tratadas como tolas por un réxime misóxino que, lonxe de amparalas, fechounas en Conxo. A dureza do psiquiátrico superou a dos cárceres e foi mortal para as que, carentes de medios, asilaron as Deputacións. Á fin, a tolemia foi outro lucrativo negocio da ditadura”, indica Fajardo no texto da reportaxe.

Previamente, na páxina de apertura, a actriz Melania Cruz ofrece unha reflexión titulada ‘O quarto da neta”.

Manuel Moldes

A segunda reportaxe do semanario foi elaborada por Sara Pardo e trata sobre o artista Manuel Moldes.

Pardo explica que “a cidade de Pontevedra acolle até o 30 de marzo a exposición inaugural da Fundación Manuel Moldes, Misterio+Luz=Pintura Vida, formada por vinte e sete obras que representan as cinco décadas de traballo artístico do propio Manuel Moldes. A mostra está comisariada por Carmen Díaz, 'May', presidenta da fundación e viúva do artista pontevedrés, e mais polo critico de arte Ramón Rozas”.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Anxo González Guerra analizan na sección de libros dúas obras.

No apartado musical, Lois Agrelo analiza un disco de Rui Veloso. Pola súa parte, Xurxo Souto asina un artigo que leva por nome ‘Unha noite rastrera.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Anatomía dunha caída: “Un intrigante drama xudicial que prescinde de xiros inesperados en prol dunha maior verosimilitude na toma de decisións”, indica Castro a respecto do filme.

Ramsés Pérez ofrécenos unha nova entrega na sección de Ir ás Aves mentres Carlos L. Bernárdez fai o propio na sección de Arte. Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios