Piden un Día das Letras Galegas para o poeta Alberto García Ferreiro

Unha homenaxe ao poeta Alberto García Ferreiro en Sobrado do Bispo inicia unha campaña para que se lle dedique o Día das Letras Galegas.
Alberto García Ferreiro.
photo_camera Alberto García Ferreiro.

A Asociación Porta da Cadea, de Sobrado do Bispo (Barbadás), organizou este domingo unha homenaxe ao poeta Alberto García Ferreiro, no parque do Fidalguiño da vila, que inicia unha campaña encamiñada a lograr que o autor sexa o protagonista dun Día das Letras Galegas.

A cita foi ao mediodía e contou coa participación do Círculo Poético, a coral Voces e Cordas e a banda de música e gaita de Sobrado. Durante o acto interpretaronse varias pezas preparadas con poemas de García Ferreiro aos que lle puxeron música tres compositores: José López Cid, director da banda de música Maestro Lupi de Benavente; Xosé Manuel Xil Páxaro, responsábel da Escola de Música Municipal de Barbadás e Xoán Antón Vázquez Casas, organista da capela do Santo Cristo da catedral de Ourense. Ademais, o catedrático Delfín Caseiro, Justo Calviño e Juan Carlos Forneiro encargaronse de resumir a obra e a vida do autor nunha xornada na que tamén haberá unha exposición coas súas publicacións. 

García Ferreiro naceu o 11 de marzo de 1860. A súa nai era de Sobrado do Bispo e o seu pai un empresario de Valladolid que foi deputado en varias ocasións. O poeta estudou Dereito en Santiago de Compostela, onde foi redactor de Gaceta de Galicia. Instalouse como avogado en Ourense, aínda que sempre compaxinou a profesión coa literatura e o xornalismo.

Foi director de La Prensa (1881) e fundou e dirixiu a revista La Pluma (1882) e o xornal La Semana, ademais de facerse cargo da dirección dos últimos números de La Tertulia en decembro de 1883. Ademais, foi redactor de El Derecho e creou e dirixiu La Defensa de Galicia (1893). Colaborou en La Opinión Liberal e O Tio Marcos d'a Portela de Lamas Carvajal, con quen mantivo grandes polémicas xornalísticas.

En política foi progresista, liberal e anticlerical, organizou a sección ourensá da Asociación Regionalista Gallega e colaborou no seu órgano La Patria Gallega. Impulsou a realización da estatua de Concepción Arenal, da que foi un gran defensor, en Ourense.

Como poeta escribiu varios libros: Volvoretas (1887), Chorismas (1890), Follas de papel (1892) e Leenda de Groria (1891),a que, segundo a crítica, é a súa mellor obra e que consiste nun canto épico á defensa da cidade da Coruña ante a invasión dos ingleses comandados polo almirante Francis Drake. O poema foi premiado en 1890 na Coruña polo Liceo Brigantino.

Tamén escribiu en castelán Gritos del alma (1880) e o drama Luchar por la Patria que estreou, en 1879, no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Nos últimos anos da súa curta vida abandonou a avogacía e o xornalismo para dedicarse a escribir en Compostela. Faleceu en 1902, con só 42 anos de idade.

Comentarios