Entrevista

Roi Cagiao: "A nosa idea inicial deste proxecto era realizar un documental sobre o ano 1972 na Galiza"

En 2022 estréase a longametraxe Galicia 10 de marzo, dirixida por Roi Cagiao
O director do documental 'Galicia 10 de marzo', Roi Cagiao.
photo_camera O director do documental 'Galicia 10 de marzo', Roi Cagiao.

A comezos deste mes rematou a primeira fase da rodaxe da longametraxe documental Galicia 10 de marzo, centrada nos tráxicos feitos acontecidos en Ferrol en 1972 nesa data, cando a policía franquista disparou contra unha protesta sindical nos estaleiros de Bazán, onde morreron dous responsábeis do comité ferrolán de Comisións Obreiras, Amador Rei e Daniel Niebla, e resultaron feridos ao redor de medio cento de manifestantes máis. Dirixido por Roi Cagiao e coa produción executiva de Emilio J. Fernández, funciona como díptico co seu anterior traballo, Vigo 1972, unha parte complementaria que non verá a luz até 2022.

Que os moveu a pór en marcha este proxecto?

Quer eu como director quer o produtor executivo, partimos dunha experiencia previa que foi o filme Vigo 1972, sobre a folga na cidade nese ano, que creamos en 2017. Obviamente toda a cuestión da loita antifranquista e do movemento obreiro é algo que me interesa. Meu pai foi traballador de Citroën no 72. É curioso como un se dá conta das cousas cando pasa o tempo. El viña do rural é a súa universidade foi a fábrica, onde se formou ideoloxicamente. Tanto el como miña nai pasaron de ser crentes a ser ateos, formáronse no marxismo e tomaron mesmo conciencia nacional, educáronse nese contexto de mobilización nos anos 70. Eu son unha persoa activa socialmente e en Vigo, se te moves nese ambiente, que saia o tema do 72 non é difícil, porque moitas das compañeiras e compañeiros vivirono. Iso lévanos, unha vez feito o traballo sobre esta cidade, do que quedamos satisfeitos en moitos aspectos, a comezar agora coa longametraxe dos sucesos do 10 de marzo. Teño que dicir que o proxecto inicial era facer un documental sobre o ano 72 na Galiza, o que pasa é que era demasiado extenso e moi complicado a nivel loxístico, por iso fixemos primeiro o de Vigo que este vén completar. Pódese dicir que compoñen un díptico. Todo o mundo sabe o que pasou aquel día en Ferrol, recuperouse a memoria desa loita heroica. 

Veñen de rematar a primeira parte da rodaxe, en que consistiu?

O que fixemos basicamente foi gravar todas as entrevistas, con 11 dos protagonistas dos feitos: Ángel Porto, Ramiro Romero e Rafael Pillado (líderes sindicais na Bazán); Suso Díaz e Xan Carballal (de Astano); Fernando Miramontes, Sari Alabau, Fina Varela, Encarna Puentes e Ánxela Loureiro (dirixentes e activistas do Partido Comunista); Anxo Currás e Vicente Couce (os "cregos roxos"). Cada un ten a súa forma de traballar, pero no meu caso faise o guión a medida que vas editando. Unha vez iso fique fechado, é posíbel engadir algunhas dramatizacións, como xa se fixo no anterior, aínda que fose un pouco polémico. 

Por que é unha cuestión polémica?

Entendo que as dramatizacións son unha cousa moi complicada, que moitas veces se emprega mal, hai que ter moito coidado de como se usan. Moitas veces o que fan é repetir o que che está a dicir a persoa narradora, en lugar de procurar que lle dea un contrapunto. Por outra banda, hai que ter coidado de que non dea pé a confusión no espectador co que é a imaxe de arquivo. É delicado. 

A estrea está pensada para 2022?

Si, a nosa idea é esa, queriamos telo tamén algo antes para poder levalo por festivais. No de Vigo 1972 non se fixo dese xeito e funcionou moi ben, pero neste temos a oportunidade e decidimos facelo aí. 

Traballa con temáticas sociais. Cal é a concepción do audiovisual que manexa?

No audiovisual, como en calquera outra forma artística, hai unha determinada ideoloxía. A incidencia que ten o audiovisual á hora de conformar modelos, valores, crear estados de opinión e puntos de vista, penso que é importante. Ten un peso e é efectivo, é un medio que chega, por iso tamén ten relevancia que as reivindicacións de determinadas cuestións existan nel, que estean aí. 

Comentarios