A organización do Festival Internacional de Documentais Play-Doc de Tui presentou hoxe, segunda feira, a programación da súa décimo terceira edición, que se desenvolverá do 22 ao 26 de marzo, e que incluirá unha sección titulada ‘Cinema galego’ con 12 filmes que representan distintas formas de entender o cine de non ficción e entre as que destaca, así mesmo, unha forte presenza feminina.
Esta semana poderá verse en Tui a multipremiada nos recente Mestre Mateo ‘Esquece Monelos’, de Ángeles Huerta, xunto con cinco estreas mundiais (‘Aysha’, de Fon Cortizo; ‘Una vez fuimos salvajes’, de Carmen Bellas; ‘Lenda Negra’, de Elisa Celda, Claudia Gracia, Mario Sanz e Óscar Vincentelli; ‘Quiasma’, de Tono Mejuto, e ‘O equilibrio dous opostos’, de Alberto Baamonde) e unha preestrea (‘Rapa das bestas’, de Jaione Camborda. Completan a selección galega ‘La fuga de los 45’, de Cristina Caamaño; ‘Montañas ardientes que vomitan fuego’, de Helena Girón e Samuel M. Delgado; ‘Rust’, de Eloy Domínguez Serén; ‘Manuel Vilariño. Ser luz’, de José Manuel Mouriño; e ‘Vai chover’, de Santiago D. Risco.
Dominic Ganhon
Alén da programación galega, haberá estreas mundiais, óperas primas e xoias do pasado rescatadas para a ocasión. A maiores da súa especial atención á produción galega, o festival desenvólvese arredor da competición internacional e de diferentes seccións especiais, como a que lle dedica ao franco-canadiano Dominic Gagnon, director tan innovador como polémico, quen visitará Tui para a exhibición de cinco dos seus filmes e a preestrea da súa última obra, así como para impartir unha masterclass e para presentar un programa especial de Cinéma Direct canadense.
Ademais, froito da colaboración da Xunta de Galicia co Play-Doc, esténdese tamén á actividade do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia), que contribúe á difusión das figuras internacionais que cada ano visitan Tui. Neste caso, a filmoteca galega dedicaralle a Dominic Gagnon unha retrospectiva do 27 de abril ao 7 de marzo na súa sede da Coruña.