A diversidade lingüística e cultural peninsular centra o XVI Forum de Estudos Ibéricos de Oxford

A “Diversidade lingüística e cultural na península Ibérica” é o tema do XVI Forum de Estudos Ibéricos que se desenvolve os días 20 e 21 de marzo na Universidade de Oxford. A AELG participa a través do relatorio da profesora Mercedes Queixas, “Tradución: a outra voz imprescindíbel para amplificar a visibilidade literaria”. 

Mercedes Queixas (Foto: Eduardo Castro)
photo_camera Mercedes Queixas (Foto: Eduardo Castro)

O estudo da diversidade lingüística e cultural na península Ibérica centra o XVI Forum de Estudos Ibéricos no que colaboran o Centro de Estudos Galegos, a Facultade de Linguas Modernas e Medievais da Universidade de Oxford e a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega xunto con outras entidades como o Instituto Ramón Llull, a Consellaría de Cultura ou o Instituto Cervantes. 

A profesora Mercedes Queixas Zas defenderá o relatorio “Tradución: a outra voz imprescindíbel para amplificar a visibilidade literaria” dentro da presenza da cultura e a lingua galega que contará tamén coa conferencia de María Beatriz Domínguez “Unha aproximación á autotradución de textos literarios en Galicia”. 

Nun amplo programa no que participan investigadores e investigadoras das distintas culturas peninsulares, a galega está tamén presente nas intervencións “O contacto lingüístico galego-español na escrita electrónica: do social ao pragmático”, de Estefanía Mosquera Castro, da Universidade da Coruña, “Identidade e prescrición dialectal na fronteira galego-portuguesa. Xuízos valorativos desde a perspectiva xeográfica “ de Irene Santos e Soraya Suárez, da Universidade de Santiago, “A aprendizaxe da lingua propia como lingua estranxeira: o caso de persoas adultas galegofalantes” de Ana García da Universidade de Santiago, “Identity trouble: do xénero á performance” de Noemi Basanta, da Universidade de Santiago, “Malmurar desde o nó da gorxa. Etimoloxías populares no ALGa” de Raquel Vila e Héctor Cajaraville” e “Arquitectura galega contemporánea: tradición e paisaxe en diálogo coa globalización” de Luz Paz da Universidade da Coruña .

Comentarios