Dioivo presentará en Vigo o seu novo álbum 'Cara os ceios incrementes'

O dúo estará acompañado por Karracho e os segovianos Mortal Maze.

Dioivo en Palma. (Foto:Tuco Martín)
photo_camera Dioivo en Palma. (Foto:Tuco Martín)

O dúo vigués de metal en galego Dioivo presentará ao vivo o seu novo álbum Cara os Ceios Incrementes na súa cidade natal o vindeiro sábado 23 de decembro. Esta data vén culminar a serie de concertos que o grupo formado en 2016 está a realizar co seu novo traballo baixo o brazo, que os levou por Palma, Madrid, Salceda de Caselas, Sarria e A Coruña. Non podería ser noutro sitio que no Pub Transylvania de Vigo, no que levan máis de nove anos tocando e que consideran xa “a súa segunda casa”. 

Este concerto será moi especial para o grupo por diversas razóns. Por unha parte, porque nel estarán acompañados da nova formación de punk rock viguesa Karracho, unha das agrupacións máis destacadas da máis nova xeración de artistas da cidade, e polo conxunto de speed/thrash metal segoviano Mortal Maze. Con estes últimos xa coincidiron en 2018 no escenario do Mortal Fest de Segovia, polo que o dúo galego xa ten moitas ganas de tocar de novo con este cuarteto formado en 2016. Os segovianos presentarán no concerto o seu álbum homónimo lanzado en 2021.

Por outra parte, o concerto de presentación de Cara os Ceios Incrementes no Transylvania  contará con diversas colaboracións de diferentes artistas da escena viguesa. Os seus nomes serán anunciados proximamente pola banda nas súas redes sociais. 

O dúo adoita contar con colaboradores tanto en concertos, nos que xa teñen contado por exemplo coa axuda de membros de bandas como Mileth, Lóstregos, Sulf-Atär, Infrahumano ou Gracias por Nada, como no estudio. Cancións como “Retorno a Tagen Ata”, baseada na novela homónima de Xosé Luís Méndez Ferrín e que conta coa participación do propio autor, ou a súa versión de “Unha de guerra” de Desvirgheitors coa colaboración da baixista fundadora desta banda, Pili Dios, así o atestiguan.

O dúo vigués vén de participar no festival Extreme Division Mallorca, en Palma, no que interpretaron a súa música por primeira vez nas Illas Balears ante un público de centos de persoas. Neste festival participaron así mesmo bandas tan destacadas como o veterano trío estadounidense Master, a barcelonesa Vidres a la Sang, a asturiana Totengott ou as mallorquinas Trallery, Marasme e Unicornium. De camiño, Dioivo fixo tamén unha parada en Madrid, onde actuaron na sala Entre Darts Rock de Carabanchel xunto aos locais Helix Nebula e Southgate. 

Cara os Ceios Incrementes foi lanzado no pasado mes de xuño pola discográfica independente grega Sleaszy Rider Records, especializada en música metal. O álbum incluíu cancións como “Cabeiros” ou as adaptacións literarias “Que importa que nos craven as cadeas” e “Hai sede na Nova Galicia”, que musicalizan os poemas homónimos de Darío Xohán Cabana e Florencio Delgado Gurriarán respectivamente. Estes tres temas viñeron acompañados dos seus correspondentes videoclips, realizados respectivamente por Brais Gómez Salvador, Emilia Vidal-Hallett e YOD Multimedia.

Comentarios