martes 20/10/20

Díaz Castro, o poeta que apoia a mocidade

Que cada ano a Academia recibe propostas e mesmo presións para conseguir o Día das Letras galegas é ben sabido. Que, desta volta, lle chegue da mocidade o apoio para o poeta Xosé María Díaz Castro, é pola, contra, unha noticia inesperada que terán que valorar as persoas que teñen dereito a voto no pleno. No IES Poeta Díaz Castro están a facer todo o posíbel para que sexa o escollido, mesmo un documental. 

Imaxe do documental "A lus do mundo"
Imaxe do documental "A lus do mundo"

Se botaramos man do ronsel de nomes da nosa historia literaria e nos preguntaramos a quen apoiaría a mocidade para o Día das Letras Galegas abofé que en moi poucas ocasións a resposta se achegaría á realidade. Á Academia Galega chegaralle en días unha proposta para dedicarlle o ano ao poeta Díaz Castro e quen a avala é o alumnado do Instituto de Guitiriz, que leva o nome do poeta. Para amparar a súa petición, o centro non leva as mans valeiras, canda a súa vontade achegan un documental elaborado polo propio alumnado que presenta á figura do poeta de maneira singular, mesmo ao ritmo de rap. O próximo martes presentarán o seu documental na Real Academia Galega ás 12 horas e ás 16.45 compartirano con alumnado doutros centros e público xeral na Biblioteca do Centro Ágora. Desde o xoves 6 está ao dispor na canle youtube. 

Rapear Díaz Castro?

Rapear Diaz Castro? Pois é posíbel. Fixérono en Guitiriz, nun documental musical de 15 minutos que desde hoxe mesmo está colgado na rede. En “A lus do mundo.Redescubríndo ao Poeta Díaz Castro” implicouse o centro enteiro, a comezar pola propia directora Olga Aguiar que aparece nos créditos como “directora de produción”, papel no que se estrea con éxito. Botaron man dunha directora profesional, Cristina de la Torre estivo á fronte do proxecto desde o inicio ao fin, desde a coordinación de efectivos á montaxe, encargándose mesmo do deseño do cartaz, que tamén ten esta produción audiovisual que ten a “estrea mundial” no propio centro mais que logo rulará polo país todo predicando a grandeza do poeta da súa terra. Con entrevistas nas que buscan responder, entre outras cousas, á metafísica cuestión de se se nace poeta ou se fai e poemas musicados, en Guitiriz levan baixo o brazo un material de inusual valía, construído polo alumnado para apoiar ao poeta viciño. “A implicación foi moita e dá gusto ver como defenden a Díaz Castro, tamén coas súas novas linguaxes. Afondaron na súa figura e hai elementos verdadeiramente interesantes para a mocidade” explica Olga Aguiar dun proxecto que contou tamén coa participación de dúas figuras de excepción, a escritora Marica Campo e o presidente de Xermolos, Alfonso Blanco, os dous moi vencellados ao centro. A profesora Xandra Tenreiro mais o alumno David Gómez son os autores da música. 

Centenario do nacemento

“Creceu rodeado das mesmas paisaxes que eles e se iniciou cos versos cando aínda era un rapaz, tamén como eles” apuntan na presentación do documental. A directora non oculta o seu entusiasmo co proxecto. A pouco que fale bótase a gabar as moitas calidades de Díaz Castro que o fan merecedor do recoñecemento. “Aporta unha mirada fresca sobre a poesía, destacándoa como unha maneira de aferrarse ao mundo e sentirse vivo” din, para definir ao poeta autor de Nimbos do que se fan o próximo ano os cen anos de nacemento en Guitiriz. No centro botan man deste dato para animar máis aínda a que a Academia se decante polo seu poeta porque poucas maneiras mellores se lles ocorre para conmemorar o centenario dun autor que deixou pegada na poesía galega e é un dos nomes de referencia obrigada na nosa historia literaria. 

comentarios