Un Día das Letras que tenciona ser "colectivo, festivo e reivindicativo"

Manter o carácter festivo e reivindicativo do Día das Letras Galegas é o obxectivo das asociacións que se reuniron en Compostela para traballar nunha proposta conxunta despois de que a RAG decidise dedicarlle as conmemoracións do 17 M a Xosé Filgueira Valverde. 

Xuntanza das asociacións
photo_camera Xuntanza das asociacións

A polémica concrétase nunha proposta unitaria por parte de asociacións e entidades que traballarán conxuntamente co obxectivo de contribuír a que o 17 de Maio conserve o seu carácter festivo e reivindicativo, malia a decisión da Academia Galega de ter optado por Xosé Filgueira Valverde para  figura homenaxeada na xornada. 

O pasado de participación na estrutura do franquismo da figura elixida pola Academia -na que foi, entre outros moitos cargos, alcalde de Pontevedra e Procurador en Cortes- foi, sen dúbida, o revulsivo que levou a que se orixinaran moitas ideas para propostas alternativas que a xuntanza de Compostela quere encarreirar para que a conmemoración conserve o seu carácter unitario e social. 

Arredor de trece colectivos déronse cita na reunión da noitiña da quinta feira, entre elas, entidades de defensa da lingua como a Mesa e AGAL ademais doutras culturais, de ensino, ecolóxicas ou de recuperación da memoria histórica. Entre elas, a federación Galiza Cultura que agrupa 30 asociacións en todo o país. 

Representantes das distintas entidades aprobaron agardar ao domingo para facer público o comunicado cos acordos tomados mais da reunión transcendeu a vontade de se xuntar de novo en setembro para concretar actuacións e liñas de traballo de cara a manter a celebración como data festiva para a lingua e a cultura galegas. “Aprobouse un comunicado que agora as asociacións debaterán nas súas propias direccións e a partir del comezará unha andaina común para a conmemoración dun Días das Letras colectivo e de entusiasmo na defensa da nosa lingua e a nosa cultura”, explica Marcos Maceira, presidente da MNL e un dos participantes na xuntanza. 

"Nin a Academia defende a proposta"

A xuntanza coincidiu na mesma tarde na que se fixo pública unha nova reunión da Comisión Executiva da RAG para avaliar e dar explicacións sobre a decisión de dedicarlle o Día das Letras do 2015 a Filgueira Valverde que se fixo público no pasado sábado. “Este novo episodio demostra que Filgueira Valverde non é personaxe acaía par homenaxear cando nin á propia dirección da RAG é quen de defender a proposta. Trátase dunha decisión indefendíbel que queren impoñer a quen todos os anos partilla na festa colectiva que é o Día das Letras. Por iso é importante articular unha alternativa, porque queremos seguir festexando e reivindicando a nosa lingua e a nosa cultura”, valora Marcos Maceira. 

Á espera de que o vindeiro domingo fagan públicas as primeiras conclusións e o punto de partida para continuar en setembro coas liñas de traballo, adiántase que todo apunta á vontade de artellar unha xornada de participación social, que integre o movemento cultural galego e de defensa da lingua. 

Comentarios