Descobren pinturas murais inéditas durante a restauración do mosteiro de San Vicente do Pino, en Monforte

Pinturas murais san vicente do pino monforte (Ministerio de Cultura)
photo_camera (Ministerio de Cultura)

Os traballos de conservación e restauración na igrexa do Mosteiro de San Vicente do Pino, en Monforte de Lemos, sacaron á luz unhas pinturas murais inéditas, en bo estado de conservación e de gran interese histórico e documental, que representan a modo de grisalla elementos figurados, entre eles unha imaxe de Cristo.

O achado produciuse durante a intervención integral neste templo iniciada en decembro polo Ministerio de Cultura e Deporte, a través do Instituto de Patrimonio Cultural de España (IPCE) e que conta cun investimento de 646.319 euros. A pintura apareceu tras o retablo maior, após ser desmontado para o seu traslado e tratamento.

Segundo informou o Ministerio, o proxecto emprendido no templo de San Vicente do Pino afecta á práctica totalidade do interior do inmoble, tanto ás pinturas murais do presbiterio, a nave central e o muro norte do cruceiro, como ao retablo maior e o retablo en pedra do cruceiro da igrexa.

A mazonería do retablo maior, datada entre 1770-1780, é obra do denominado 'Monxe Mil Bens', pertencente ao propio mosteiro. Durante a intervención revisarase a súa estrutura, consolidaranse os diferentes elementos, a policromía e o dourado e procederase á súa limpeza e reintegración cromática.

Este retablo conta cun lenzo central datado en 1671 -con anterioridade á estrutura de madeira-, que representa o martirio de San Vicente. Para a súa intervención, o lenzo foi desmontado e trasladado a un espazo habilitado dentro da nave central da igrexa, onde se tratarán as deformacións do soporte e dotarase de solidez tanto a película pictórica como a capa de preparación. Finalmente, realizarase a reintegración cromática das lagoas existentes.

Comentarios