Cultura

A Deputación de Lugo axiliza as axudas ao tecido asociativo

Os fondos repartirán 638.000 euros entre 44 entidades e asociacións
A deputada de Cultura Maite Ferreiro na presentación do Lugo Cultural
photo_camera A deputada de Cultura Maite Ferreiro na presentación do Lugo Cultural.

A Área de Cultura, Patrimonio e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo pretende axilizar a xestión das axudas a entidades, colectivos e asociacións culturais previstas nos orzamentos de 2020, que suman un importe de 638.000 euros. Son achegas destinadas ao funcionamento da armazón cultural de base, que tratarán de pór a disposición das beneficiarias "no menor tempo posíbel", sinalou a deputada de Cultura, Maite Ferreiro.

As asociacións recibirán a comunicación correspondente e poderán iniciar o procedemento de solicitude. As achegas, recollidas nos orzamentos de 2020 e no Plan Estratéxico de Subvencións, repártense entre 44 entidades que centran a súa actividade na protección, valorización e difusión do patrimonio cultural, así como na normalización do uso do galego. Entre elas atópanse a Asociación de Gaiteiros Galegos, Lugo Patrimonio e Mariña Patrimonio ou O Teixo de Piornedo.

Ademais de manter o apoio a entidades como a Real Academia Galega ou a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, a área de Cultura retoma a colaboración coa Mesa pola Normalización Lingüística, que decaera na pasada lexislatura, e incrementa a achega destinada a Asociación Correlingua, que fai 20 anos de activismo. Así mesmo, enceta a colaboración coa Asociación 25 Xastres de Monterroso, que converteu a Feira do Libro e do Disco en Galego nun referente para creadoras de toda a Galiza. Os fondos destinados no eido da normalización increméntanse en máis do 50%.

Os conservatorios de Vilalba, Monforte e Viveiro, a Asociación Músico Crisanto ou a Escola de Música de Antas de Ulla tamén son beneficiarias, xunto a programacións como a Semana do Cine de Lugo ou o festival de Pardiñas de Guitiriz.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios