BERRI TXARRAK

"Estamos nun momento doce"

Berri Txarrak estiveron presentando o seu novo traballo, Denbora da poligrafo bakarra, en Compostela. Minutos antes de dar comezo o concerto na Sala Capitol e entre o ruxir de guitarras da proba de son de Superoito, fixeron un oco para conversar con Sermos Galiza.

BTX62014
photo_camera [Imaxes Berri Txarrak]

Berri Txarrak é un grupo con 20 anos de traxectoria, millentos concertos ás costas e dez discos na rúa que continúa tendo como centro de operacións Lekunberri en Nafarroa. Móvense entre o punk-rock sen prexuízos, con sons melódicos e sen fuxir do ruxir de guitarras. En Compostela, na presentación de Denbora da poligrafo bakarra, levaron o público ao éxtase. Algo que volverá acontecer en verán pois fan parte do cartaz do Resurrection Fest (Viveiro). Despois de dúas décadas non dubidan en sinalar o "bon momento" no que se atopan, quizais "un dos mellores" da súa traxectoria. Como bos músicos decidiron celebrar traballando que 20 anos non son nada. "Aínda temos moito que aportar", din. E certo é que un triplo disco como Denbora da poligrafo bakarra dá boa conta de que temos Berri Txarrak para longo. E nós aledámonos por iso. 

Falamos con Gorka (voz e guitarra), David (baixo) e Galder (batería). 

Como levades o ritmo? Primeiro Europa, USA, despois Mexico, León, Úvieu, e agora Galiza...
Galder
. Ben, moi ben. O disco saíu a finais de novembro. En xaneiro xa estabamos en marcha. Estivemos en Europa nunha xira de 20 días. Alemaña, Francia, Suíza, Holanda... Deseguido marchamos para Mexico. Fixemos o South by Southwest en Austin e agora aquí de volta. No stop de momento, moi contentos. 

Cumprides 20 anos de traxectoria e decidistes celebralo cun disco triplo Denbora da poligrafo bakarra, de 20 cancións... Non é un tanto arriscado? 
Gorka
. Si, un pouco si. Ten un aquel de suicidio comercial sacar hoxe en día tres discos. Sacámolos ademais co noso propio selo, é unha auto-edición. Eu tómoo como un auto-agasallo de aniversario. Apetecíanos crear por riba de todo, máis que ollar cara á atrás e aí nos embarcamos nese marrón creativo [sorrí]. Porén, foi moito máis fluído do que pensabamos. Máis complexo foi a nivel almanaque e axenda que no plano creativo. 

Como xurdiu a idea de gravar cada un deles cun produtor diferente?
G
. Primeiro xurdiu a idea de 20 anos, 20 cacións. Foi a premisa e aí foi onde arrincou o proxecto. Logo a cuestión de como repartir e como publicar as vinte cancións porque, obviamente eran demasiadas para un disco normal. Un disco duplo tampouco é que nos resultase demasiado atractivo. Aproveitamos o ecléctico que ten Berri Txarrak e que podía ser divertido continuar nesta dinámica na que nos atopamos gravar con produtores elixindo tres diferentes, compondo expresamente sabendo que vas gravar con tres produtores e, ao tempo, realzar a diferenza entre un LP e outro. Esa foi a idea. Aliás tivemos a sorte de que os produtores nos dixeron que si. Cadrou todo para o facermos no mesmo ano. Un experimento do que saímos vivos [ri]. 

"A inquedanza de descubrir grupos novos fica intacta e iso fai que esteamos receptivos a cousas novas, a novas sonoridades e novas interpretacións"

Todos os vosos traballos teñen un mesmo marco (punk-rock) mais movédesvos dentro del explorando sons diferentes cada vez que entrades no estudo de gravación. Fuxides das etiquetas e dos prexuízos?
David
. Somos o que escoitamos e escoitamos moita música diferente. Ao final procuramos cancións boas, non nos importa o xénero. A inquedanza de descubrir grupos novos fica intacta e iso fai que esteamos receptivos a cousas novas, a novas sonoridades e novas interpretacións da música; o que fai que non teñamos medo ao meternos no local e darlle paso a todo iso. Este disco era perfecto para iso. Son moitas cancións e tivemos máis marxe para experimentar. 

As letras son moi importantes nas vosas cancións, de onde saen? Que as inspira?
G
. Sempre defendo que un disco reflexa dalgunha maneira a túa realidade. Onde vives, máis ou menos a época na que vives, a nivel social, politico. A nivel persoal tamén. Nas letras hai sitio para todas as túas inquedanzas, as dúbidas... É unha maneira de soltar o que ás veces calas, hai algo diso tamén. Mais polo xeral, sobre todo ultimamente, as letras creo que é o público quen ten que rematalas. Damos os puntos mais é o público quen traza a liña e ao final ve a figura. Interésanme esas letras embora non sempre conseguilo. Non gostamos das letras demasiado explícitas. Aínda que a mensaxe sexa clara coido que teñen que ser ricas a nivel literario. Hai unha intención poética. 

A obra de Bertolt Brech e Sarri tamén se incorporou a algún dos vosos traballos?
G
. Sarri sobre todo. Con el descubrín a poesía en euskera e abriume unha fiestra e unha porta ao mundo. Beltrot Brech e Eduardo Galeano tamén os musicamos. Non sei se son influencias ou poemas nos que ves que detrás hai unha canción. Chega con iso para tentar facer unha canción. Animan. Hai poemas que son únicos ou a mensaxe ten tanta enerxía que dis, de aquí pode sair algo, podes sacar algo. Ás veces acontece. Son como sinais. Non é que estexamos procurando un poeta senón que cando estás compoñendo estás totalmente alerta. Estás co radas acendido. 

"Non gostamos das letras demasiado explícitas. Aínda que a mensaxe sexa clara coido que teñen que ser ricas a nivel literario"

Nestes 20 anos supoño que houbo moitos altibaixos. Se botades a ollada atrás que vedes? En que momento estades agora?
G
. Estamos nun moi bon momento. Non sei se o mellor ou un dos mellores. Houbo moi bos momentos no pasado. Sobre todo eu estou moi orgulloso de como levamos 20 anos de enerxía e diversión. Capaces de facer un disco novo, de 20 cancións e que funciona, por riba. A xente está a vir aos concerttos, hai moi boas críticas... Estamos nun momento doce. 
D. Coido que queda reflectido no disco que editamos, con 20 cancións. Despois de 20 anos poder facer iso nun período de tempo tan curto como foron 6-7 meses de composición e gravación. Cremos e defendemos que un disco de boas cancións é fiel reflexo de como estamos. Estamos en forma e aínda temos moito que aportar e que dar. 
Ga. Seguimos gozando da música e apaixoados dela. Iso é a gasolina de todo, sen iso coido que se nos notaría. 

"Seguimos gozando da música e apaixoados dela. Iso é a gasolina de todo"

A última vez que estivestes na Galiza foi en Pontevedra en 2012 nun concerto de Siareiras galegas...
David
. Foi no Marisquiño o ano pasado. 

Certamente, en Vigo. Agora Compostela, no verán o Resurrection Fest en Viveiro. Como é o público galego?
[Soa na proba de son de Superoito 'Miña terra galega']
Ga. Olla. Aí o tes. [Ri]
G. Non sei, eu sempre veño agusto a verdade. Sobre todo á Capitol. Cremos que é unha das mellores salas que hai, tanto de son como visualmente. Fixemos o esforzo esta vez para traer todo o tinglado visual que é importante nesta xira. Son festivais moi diferentes. Non é o mesmo tocar aquí que no Resu ou no Marisquiño. Mais en xeral o público está moi alerta ao que se move. É un público máis musical que noutras zonas. 

Comentarios