Máis en concreto, a restauración do edificio, a antiga casa de Pardo Bazán localizado na rúa Tabernas da Coruña, ocupou o encontro. “A actuación conta desde hai anos co compromiso do Ministerio de Fomento”, afirmou a propia Academia nun comunicado, “que a comezos de 2018 resolveu o concurso do proxecto arquitectónico. Confiamos en que conte co financiamento preciso nos vindeiros Orzamentos do Estado”.
Non foi o único elemento tratado na xuntanza entre Losada e o presidente da RAG, Víctor Freixanes. A importancia de apoiar as linguas do Estado foi tamén obxecto da preocupación de ambos os dous. “Tivemos a oportunidade de conversar sobre a posibilidade de que o Estado entenda a significación dun patrimonio común que non é só dos galegos, senón do conxunto dos españois”, sinalou Freixanes.
O propio delegado do Goberno español expresouse en termos análogos: “Quero trasladarlle ao presidente da Academia e a todos os seus membros, pero sobre todo a todos os galegos, a importancia de facer da nosa lingua un elemento de identidade, solidariedade, cooperación e de facer Galiza, de facer país”.